Juan Pérez: «Todos danamos o mar, ninguén lle bota peixe»

Mariñeiro e armador de Ribeira xubilado, estivo case 40 anos dedicándose ao arrastre e foi testemuña da desaparición de especies como a cigala


Ribeira / La Voz

Catro decenios no mar dan para moito. É tempo suficiente para ser testemuña dos cambios experimentados por un dos grandes motores económicos da Galicia costeira. Juan Pérez empezou con 18 anos a traballar no barco de seu pai e xa non foi quen de separarse do xigante azul. Xubilouse con 55, pero recoñece que ata feitos os 65 non deixou de visitar o peirao ribeirense a diario para seguir de preto o traballo do seu barco. Sempre traballou no arrastre, unha das artes tantas veces criticadas por varrer o fondo do mar. El réstalle importancia aos comentarios, aínda que recoñece que calquera tempo pasado, no que a capturas se refire, foi mellor.

Coma tantos outros veciños de vilas costeiras, Juan Pérez empezou a traballar no mar seguindo a tradición familiar. Seu pai era armador e, aínda que el estivo un tempo exercendo de mecánico nos vellos talleres Nervión de Ribeira, coa maioría de idade enrolouse no barco do seu proxenitor. Co Luna de Plata converteuse, tempo despois, en empresario, pero non por iso quedou en terra: «Sempre me gustou andar de patrón ao arrastre de litoral». Xurelos, fanecas, linguados, lirios e cigalas eran as capturas habituais nas travesías que este ribeirense realizaba entre a desembocadura do río Miño e Fisterra: «A mellor zona era desde Sálvora ata cabo Silleiro, alí atopabamos máis capturas e o tempo tamén era moito máis favorable. Canto máis cara ao norte tirabamos peores eran as condicións do mar. Na Costa da Morte o tempo case nunca axudaba».

Lembrando aquela época, decátase de que foi testemuña da desaparición da cigala: «Antes atopabámola por toda a costa que nós percorriamos, pero na boca de Vigo había moita». Juan Pérez non culpa ao arrastre da escaseza actual desta especie: «Hai moitos que están en contra desta arte, pero eu son dos que pensan que todos danamos o mar, ninguén lle bota peixe dentro e todo o mundo é a quitar». Argumenta ademais que hai outras especies, como o xurelo e o lirio, que aguantan o tipo, mentres que a cigala desapareceu incluso de recunchos a onde non chegaron as redes do arrastre: «Había moita entre as pedras e polo medio dos barcos afundidos, e aí nós non nos metiamos, xa que corriamos o risco de que quedaran as redes enganchadas. Tamén de aí desapareceu. O que pasa é que neste oficio uns bótanlle a culpa aos outros e ninguén quere levala».

Sen sustos

A punto de facer 86 anos, Juan Pérez considérase un home afortunado, pois nunca se viu involucrado nun suceso marítimo importante. Quizais por iso rematou a súa traxectoria sen sentir o temor do que outros colegas de profesión falan: «Nunca lle tiven medo. Ao mar non hai que terlle medo, pero si é preciso andar con precaución, sobre todo cando hai temporal». Asegura que borrou esas xornadas da súa mente, para quedar só coas boas: «Lembro con frecuencia aqueles días de coller moito peixe, máis ca da conta».

El coñece coma poucos o sector do mar por dentro. Non só polos 40 anos que estivo de mariñeiro, senón tamén porque chegou a exercer de patrón maior da confraría de pescadores de Ribeira: «Gustábame vivir a aventura de axudar e representar aos meus compañeiros», confesa. Xa non ten barcos, pero segue a preocuparse polo que foi o seu medio de vida e non dubida en analizar a súa situación: «O mar non está esquilmado, pero tantas normas supoñen moitas trabas. Cando eu empecei nisto traballábase con máis liberdade. Agora cometer un fallo, porque descoidos sempre os hai, xa se traduce nunha sanción económica importante».

Desde Ribeira mira a diario cara ao mar e olla os barcos do peirao, pero Juan Pérez non bota en falta as travesías: «Os anos van dominando a un e estou preto de facer 86, polo que non penso no mar como traballo para nada. Hai xubilados que aínda teñen a súa lanchiña e van pescar, pero eu nin a teño nin a quero. Foi un traballo e xa rematou». Agora dedícase a actividades máis relaxadas: «Aínda que non son moi afeccionado ao xogo, se fai falla unha persoa para completar unha partida de cartas apúntome sen problema».

Coma calquera outro mariñeiro, o ribeirense sufriu en carne propia os prexuízos dun traballo duro, que implica pasar longas xornadas afastado da familia, pero non se arrepinte dese pasado ligado ao mar: «Se volvera atrás seguiría a mesma ruta, iría para o barco. O mar deume traballo e sorte, pois nunca tiven un problema», remata o lobo de mar Juan Pérez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Juan Pérez: «Todos danamos o mar, ninguén lle bota peixe»