A programación esténdese en Ribeira e chega ás parroquias

Un festival de cine infantil e inclusivo, sesións de contos, teatro e a danza de Cantigas e Agarimos integran o cartel


Xa está aquí maio, o mes das letras por excelencia, e en Ribeira recíbeno cun completo programa de actividades culturais, enfocadas fundamentalmente cara o público infantil. Aínda que o eixo seguirá estando na cidade de Santa Uxía, as propostas esténdese nesta ocasión ás diferentes parroquias. O Festivaliño, un ciclo de cine infantil e inclusivo, arrancará este sábado en Oleiros e Artes unha xira na que figuran Corrubedo, Olveira, Palmeira, Castiñeiras, Aguiño, Carreira e a Praza do Concello ribeirense, a onde chegarán as proxeccións o mesmo 17, Día das Letras Galegas.

Tamén se repetirán en varias xornadas as sesión de contos orientadas a espertar o interese pola lectura entre os cativos. Haberá unha primeira, coa técnica Alicia Padín, este sábado (biblioteca, 12.00 horas) e logo sucederanse outras o 11, con Daniel Gómez Ramil; o 18, con Pablo Díaz; e o 25, con Raquel Queizás.

Do mesmo xeito, a música terá presenza nesta nova edición do Maio Cultural. O programa sonoro abrirase o día 10 cun concerto a cargo de Rodrigo Vila e David Brutti, da Aula Galega de Saxofón. O 11 tomarán o relevo sobre as táboas a Coral Polifónica Municipal de Ribeira e o orfeón da Illa de Arousa. O 17 será o grupo Andavía o que espalle os ritmos tradicionais polas rúas de Santa Uxía e o 23, Xoán Curiel e Charo Pita ofrecerán o espectáculo Canta, miña pedra, canta no marco da entrega de premios do certame literario escolar. A maiores, a agrupación folclórica Cantigas e Agarimos deleitará ao público o 19 cun espectáculo de danza (Porta do Sol, 18.00), que transcorrerá ao son da música galega.

Talleres e marionetas

O mesmo Día das Letras haberá dúas actividades destacadas na cidade ribeirense: uns obradoiros que permitirán aos participantes coñecer a vida e a obra do escritor homenaxeado, Antón Fraguas, e unha representación de Fantoches Baj sobre a traxectoria do autor. Ademais, un parque de xogos inchables desprazarase pola mañá a Carreira e pola tarde, a Aguiño. Tamén haberá teatro o 19, nesa ocasión da man da compañía Baobab, que representará Puño puñete.

Ao longo de maio estarán instaladas na biblioteca de Ribeira dúas exposicións, unha bibliográfica e outra de paneis, que permitirán aos veciños mergullarse na traxectoria de Antón Fraguas. No Lustres Rivas tamén se abrirá unha mostra coas obras que concorreron ao certame de artesanía que leva o nome do homenaxeado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

A programación esténdese en Ribeira e chega ás parroquias