Rosa Crujeiras: «Os libros que había na miña casa cando era nena estaban en braille»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

RIBEIRA

SANDRA ALONSO

A profesora da USC e ex-vicerreitora sempre quixo ensinar, pero co tempo deuse conta de que «quería facer algo máis»

29 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosa Crujeiras naceu en Artes, a aldea máis pequena de Ribeira. Foi boa alumna, e o director da súa escola recordoullo a seus pais: «Un día, cando estaba en oitavo de EXB, chamounos para preguntarlles se ía seguir estudando, e meus pais dixéronlle que claro que si». Aquel profesor non quería que se perdera o seu talento, e así llo recordou á súa familia. Rosa sempre quixo ser docente, pero non tiña moi claro de que. Gustábanlle os idiomas, pero as matemáticas divertíana, así que se decantou por esta carreira. O azar quixo que fixera a selectividade na Facultade de Matemáticas, «foi casualidade, eu xa o tiña decidido».

De Compostela lembra que non viñan decotío. Os tempos eran daquela outros, e chegar á capital de Galicia era unha hora e media. Viñan ao médico «e pasabamos pola fábrica de paraugas de Carabel, na Rocha». Sempre tivo o apoio de seus pais, que ata se preocupaban cando elixiu a carreira porque non ían poder axudala. Foi a primeira universitaria da casa, e conta unha anécdota moi tenra: «Na miña casa os libros que había cando era pequena -á parte dos que me compraban a min- estaban en braille. Eran os que tiña unha irmá de miña avoa que é cega, e ela ensinoume braille».

Logo xa chegaron as enciclopedias e a súa irmá pequena tamén foi á universidade, aínda que preferiu a rama de empresas. A súa primeira imaxe de Santiago, a tarde anterior a facer a selectividade, é a da escalinata dos colexios maiores: «Pensei, aquí comeza todo». Eran anos de aulas cheas e movida universitaria. Máis de 250 alumnos comezaban Matemáticas, «e foron anos de crecemento persoal, o saír da casa faite medrar e aprender a responsabilizarte». En todos os anos de carreira compaxinou os estudos co traballo. Daba clases de apoio nun colexio e, no último curso, a domicilio. A vocación docente seguiu, pero a partir de terceiro cambiou un pouco. «Quería facer algo máis, vía a docencia como ensinar o que estaba feito, pero pensaba que había moitos problemas novos que requirían da ferramenta da estatística e aínda non se inventaran», conta.

Así que se propuxo seguir na universidade, para o que non tivo moitos problemas. «Ao rematar tiven as oportunidades que os meus alumnos de tese non teñen agora», admite. «Conseguín unha bolsa do ministerio e no primeiro ano fixen un semestre nos Estados Unidos; no segundo en Londres, na London School of Economics; e no terceiro en Granada». Quedara con ganas de facer un Erasmus e saír de España, pero desquitouse ben. Leu a tese en xaneiro do 2007, estivo como contratada posdoc na Universidade cando arrincou o servizo de consultaría estatística e marchou un ano con outra axuda posdoc a Bélxica. Volveu por dous motivos: «Por un lado a familia e a calidade de vida, e por outro porque me formei sempre con fondos públicos, e penso que debemos ter a responsabilidade de devolver algo do que se nos deu».

Así que deixou un bo salario en Lovaina e volveu como interina substituta. En novembro do 2017 sacou a praza de titular, e hoxe é a máis nova do PDI funcionario. Sempre lle gustou a xestión: «Parece que ata está feo dicilo, pero gústame». Así que tocou diversos paus nese campo. Foi secretaria do Instituto de Matemáticas, vicedecana, adxunta á Vicerreitoría de Comunicación e vicerreitora no último ano do mandato de Juan Viaño. «Foi unha continuidade, pero claro que me deu moita vertixe», explica. A experiencia mereceu a pena. «Foi moi boa e de moito traballo, dáche un coñecemento da universidade que non tes no teu centro, tiven ademais a sorte de que Juan Viaño era profesor e compañeiro, e fíxome partícipe de moitos proxectos e iniciativas, foi unha experiencia fantástica», remata Rosa.

«Teño a impresión de que en Santiago hai unha relación de proximidade»

Aínda que forma parte dos milleiros de cidadáns que marcharon vivir aos concellos limítrofes, a vida de Rosa Crujeiras transcorre na cidade. Os seus fillos acoden a un colexio e unha escola infantil de Santiago, e o seu día a día tamén está en Compostela. Di que esta cidade «acolle á xente». É polo seu ritmo de vida, «que non é frenético». «E teño a impresión, aínda que é irreal porque a xente non se coñece, de que existe unha relación de proximidade, de que identificas á xente que vive na túa rúa».

Podería elixir máis recantos. Pensou no parque do Paxonal, nun tempo un lugar de desconexión e, a partir de que naceu o seu primeiro fillo, un espazo de diversión. Tamén na Quintana, coa vista da torre do reloxo. Era unha das perspectivas que tiña na súa ventá da Casa da Balconada, cando ao rematar a carreira traballou un tempo de bolseira cubrindo enquisas.

En crise constante

Da universidade di que «a situación de crise é constante». Dálle pena que aos seus 41 anos sexa a máis nova con praza de funcionaria no PDI, e sobre todo lamenta a falta de oportunidade dos que veñen detrás: «tes contigo a xente brillante, que é moito mellor do que eras ti, e por estar neste momento ou marchan a outro sitio ou deixan a universidade», conta. É unha realidade que debería mudar. «Dise que na universidade terían que entrar os mellores en cada etapa, e vexo en perspectiva a xente moitísimo mellor ca nós que vai ter que marchar», admite.

Orgullosa da facultade na que está, lembra a relación constante deste centro coa empresa, e a súa adaptación natural a Boloña: «Cando eu estudaba, xa viamos nas clases a aplicación práctica da nosa carreira».