Miguel A. Vidal Lojo: «O castro da Cidade semella ser moito máis do que temos á vista»

UNAI GONZÁLEZ SUÁREZ

RIBEIRA

ABRALDES

Entre os seus proxectos ten unha grande exposición sobre o Santa

26 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Unhas horas con Miguel compartidas no interior da Sala-Museo Municipal de Ribeira, entre achados arqueolóxicos, restos do tristemente naufragado vapor-correo Santa Isabel, e outras pezas históricas, é un auténtico pracer conversar co arqueólogo, coordinador dos museos municipais e historiador de Castiñeiras, que vive con paixón o seu traballo diario e reflexiona en alta voz as súas inquedanzas respecto a novas escavacións do Castro da Cidade, a conservación do patrimonio local ou a posta en valor da sociedade ribeirense, en particular e mariñeira, a través da fotografía.

?Miguel, fálame dos teus proxectos.

-Fundamentalmente son tres: a creación dun arquivo histórico fotográfico, dixitalizado e público, que permita a realización de exposicións temáticas e publicacións que valoricen a historia e a memoria da nosa sociedade no último século, pois dende o Concello de Ribeira queremos facilitarlles a investigación tanto aos estudosos coma a calquera persoa interesada. A reformulación dos museos de Ribeira en centros expositivos vivos e activos a través da creación dun plan estratéxico en colaboración coa USC. E, finalmente, redefinir o discurso expositivo da Sala-Museo Municipal cun novo enfoque, atractivo e dinámico, para os visitantes locais e foráneos.

?Fálame algo máis do terceiro punto. Cal é o motivo e que tes pensado facer para cambialo?

-Pretendo cousas sinxelas; basicamente crear nunha das salas un espazo máis dinámico con exposicións temporais de fotografía, documentación, arte, etc. Tamén, crear unha grande exposición sobre o Santa Isabel, o máis completa posible, un fenómeno histórico durmido moito tempo -e posto de novo en valor grazas a persoas como X. M. Fernández Pazos ou Pilar Casas Gil-, que pretendemos sexa unha referencia en canto aos naufraxios e ás traxedias no mar, con pezas importantes do buque, imaxes, recortes de prensa, partes da vaixela, reproducións dos camarotes e artigos da historia posterior ao afundimento, co recoñecemento ás heroínas de Sálvora, condecoracións ao oficial Luís Cebreiro, etc.

?Que me dis agora do proxecto de creación dun plan estratéxico para os museos municipais de Ribeira?

-Existen no municipio varios espazos expositivos de grande importancia, como é esta propia Sala-Museo, o Museo do Gravado de Artes -que será xestionado os vindeiros vinte anos polo concello-, a sala de exposicións do Lustres Rivas, e incluso un novo espazo que me gustaría crear no novo auditorio que se vai a edificar. Se a isto lle sumamos o Museo Etnográfico de Artes que a través dun convenio se pode coordinar dentro desta rede, e incluso o Cielga do Parque Natural, poderiamos tecer unha rede común e ordenada que ofreza todas as visións da nosa historia, da memoria e da arte, local e foránea, a través dunha proposta atractiva, dinámica e integradora. Todo supervisado polo Concello e baixo o asesoramento de expertos da Universidade de Santiago.

?Non podo deixar de preguntarche polo Castro da Cidade, poboado castrexo do 500 a. C., como director que fuches das dúas escavacións realizadas.

-Entre as numerosas escavacións nas que teño participado, a da Cidade foi a miña gran paixón xa que, ademais de dirixila, úneme ao lugar un vínculo sentimental pois de pequeno acudía alí coa bicicleta e os meus amigos, e xa cando estudaba tiña a ilusión de algún día contribuír a poñela en valor. Foi en 2014 e 2015 cando intervimos e atopamos numerosas vivendas, restos arqueolóxicos de cerámicas, escoiras de bronce... depositados no CAB, lugar de referencia da contorna ao ter o recoñecemento de colección visitable por parte de Patrimonio, algo que queremos conseguir tamén para un centro do noso concello.

?Volvendo ao castro, que pasos se van dar para continuar co proceso de escavación?

-Pois o castro semella ser moito máis grande do que agora temos á vista, xa que se aprecian máis vivendas no seu contorno; semella que foi abandonado antes da conquista romana no século II-I a. C. xa que non se acharon achados desta orixe. Os seus primeiros poboadores foron indíxenas galaicos denominados polos romanos praesamarci por encontrarse xeograficamente baixo o río Tambre; fundamentalmente vivían da gandería, a caza e a agricultura, pero non demos con restos de lareiras nas dependencias escavadas, así como poucos restos cerámicos, o que nos leva a sospeitar que podía tratarse de almacéns, e que inda atoparemos vivendas con fogar no centro, máis achados, e incluso algún forno de forxa ou concheiro que nos permita ter unha información máis fiable de como habitaban os nosos antepasados neste lugar hai dous mil cincocentos anos.

Despídome de Miguel con moitos asuntos pendentes e unha boa dose de información de grande interese que sería imposible plasmar nesta entrevista. Sen dúbida recomendo unha visita á Sala-Museo municipal, pero tamén achegarse ao noso protagonista e deixar que debuxe coas súas palabras a nosa historia.

ILUSTRACIÓN ABRALDES