Damián Sampedro: «Temos unha afección doutra categoría»

O Mago do Monumento ven de conquistar o ascenso a Segunda Galicia co Artes


Para Damián Sampedro (Ribeira, 1991) esta non é unha tempada máis. Forxado no deporte rei no barrio do Monumento, este domingo acadou o ascenso a Segunda Galicia co Artes. Ese fito é a súa maneira de honrar a memoria do seu pai, un José Sampedro que cada fin de semana se enfundaba a camiseta blanquiverde para gozar cun equipo que fixo a súa mellor campaña en lustros.

-Que valoración fai do curso?

-Fixemos un bo ano, aínda que creo que puidemos ter amarrado o ascenso antes. Cando máis preto estaba entramos nunha mala dinámica, pero ao final soubemos repoñernos.

-Contra o Araño recuperaron o seu mellor xogo.

-Fumos superiores, mostrámonos como un equipo sólido. Chegamos á recta final da tempada con boas sensacións.

-Teñen dous partidos por diante antes de pechar o ano. Se gañan un, levantarán o título de liga.

-Vamos a polo primeiro posto. Confío nos meus compañeiros e no adestrador. Temos vantaxe, pero fai falla demostralo sobre o céspede.

-A nivel individual, como se viu esta tempada?

-Creo que puiden dar un pouco máis, todos podemos facelo, pero estou contento.

-E a liga que lle pareceu?

-A pesar de que estamos en Terceira Galicia podo dicir que nos enfrontamos a bos rivais. Gustoume moito o Araño, o Aguiño, o Furia ou o Lampón, que se mostrou moi sólido na súa casa. O Aguiño creo que acabará entrando na fase de ascenso. Se o conseguen, soben seguro.

-E para o ano tócalles xogar en Segunda. Ve ao equipo preparado para ese reto?

-Primeiro queremos pechar esta tempada. Creo que se seguimos todos, temos un equipo para competir. Está claro que tocará mostrarse máis serios que este ano, xa que non bastará con adestrar un só día á semana. Hai equipos moi preparados fisicamente e que non regalan nada. Aínda así creo que podemos facer un bo papel. Ademais temos unha afección doutra categoría, Terceira quedáballe pequena. Todo o equipo lle agradecemos a súa paixón á hora de apoiarnos.

-Leva toda a vida conectado ao fútbol. Que significa para vostede?

-Todo, o fútbol é o pasatempo que lle da sentido á vida. Un fin de semana sen partido non é o mesmo.

-Levaban varios anos perseguindo o ascenso. Cal foi a clave para acadalo este curso?

-A sorte que nos faltou atrás chegou este ano, sobre todo nos partidos máis importantes. O balón quixo entrar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Damián Sampedro: «Temos unha afección doutra categoría»