Tres «henges» no Barbanza

Empregando ferramentas de hoxe, os arqueólogos atoparon tres recintos circulares en Rianxo e Ribeira


Un henge é una construción prehistórica que presenta en planta unha forma circular ou ovalada, delimitada habitualmente por un foxo e un terraplén. Aínda que son frecuentes e moi coñecidos noutras zonas como en Inglaterra, en Galicia este tipo de construcións (ou semellantes) comezaron a agromar nos últimos anos; concretamente, os primeiros en coñecerse foron A Roda (concello de Barreiros) en 2006 e Ventosiños (concello de Lugo) en 2011, e a partir de aí foron descubríndose novos exemplares ata aproximadamente unha ducia que se coñece actualmente.

A descuberta destes novos xacementos está relacionada co seguimento arqueolóxico das grandes obras públicas, especialmente aquelas que implican trazados lineais como son as estradas de alta capacidade que se construíron nas últimas décadas en Galicia; mais tamén é extraordinariamente importante a democratización das novas tecnoloxías, en particular aquelas que permiten realizar teledetección empregando ferramentas que hoxe son de uso común, como os sombreados Lidar ou a fotografía aérea.

Achados na comarca

Empregando estas ferramentas localizamos tres recintos circulares que encaixan na definición de henges e que presentan características idénticas a algún outro exemplar galego. Dous destes recintos atópanse en Rianxo e outro en Ribeira. No caso ribeirense ocupa unha superficie de preto de 2400 metros cadrados, cun diámetro aproximado de 55 metros, situado nun rechán ao abrigo dun pequeno curuto, no límite entre as parroquias de San Pedro de Palmeira e San Martiño de Oleiros, a tan só 700 metros do túmulo de Pedras Vermellas, situado ao nordeste do henge, e a 1.130 metros da mámoa número 3 do monte de Santo Alberte. Ocupa unha posición central respecto das 18 mámoas que se atopan nun radio de menos de 1200 metros; polo norte coas mámoas dos Sobrido (4) e as de Moldes (10), ao sur pola necrópole do monte de Santo Alberte (3), polo nordeste Pedras Vermellas (1), e polo sueste, máis afastadas, coas mámoas de Ventín. O henge atópase seccionado no seu extremo sur pola existencia dun camiño forestal.

No caso rianxeiro, un dos henges atópase no monte situado ao nordeste do núcleo de Burés, debaixo da liña eléctrica, ao carón dun dos seus apoios; presenta forma circular dun diámetro de 52 metros, ocupando unha superficie de 2120 metros cadardos, e destaca por presentar un maior alombamento no flanco oriental, posiblemente debido a un maior desenvolvemento do terraplén, namentres no flanco oposto destaca con maior claridade o foxo perimetral. A 550 metros ao sueste atópase a mámoa 7 de monte Picoto, e a menos de 900 metros o resto da necrópole de monte Picoto formada por 10 mámoas; e a 625 metros ao nor/nordeste temos a mámoa de Foxacos.

Ao norte de Traba

O outro exemplar rianxeiro áchase a 600 metros ao norte do núcleo de Traba, nunha pequena valgada debaixo do Outeiro Cerqueiro, e ao abrigo doutra pequena elevación que despunta polo sur do henge. A súa forma en planta é ovalada, cun eixo maior en sentido norte-sur de 72 metros, e un menor de 65, e cunha superficie de 3.230 metros cadrados.

Todo indica que nos atopamos con construcións destinadas a usos rituais durante o II milenio a. C.

A fotografía aérea é unha das formas de localizar xacementos de grande importancia

O control arqueolóxico de grandes obras axuda á descuberta de vestixios

Os «henges» son construcións que podían ter usos rituais

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Tres «henges» no Barbanza