David Lijó: «Queremos xogadores, non robots»

p. bretal RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

DANI GESTOSO

O ribeirense aposta por potenciar o modelo de escolas da base boirense para forxar mellores futbolistas

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

David José Lijó Rivas (Artes, 1987) é unha das pezas clave na preparación da canteira boirense do fútbol base. Comezou o ano pasado ao cargo dos alevíns do Abanqueiro, chamado a filas por Yago Iglesias. Aquela confianza revalidouse e este curso leva as rendas dos cadetes que militan na segunda división autonómica. O ribeirense abordou as vantaxes deste modelo de ensinanza deportiva e analizou a tempada que levan realizado os seus pupilos.

-Con que obxectivo e retos partían esta tempada?

-Son rapaces de primeiro ano, polo que trátase de ensinarlle o básico para adquirir a experiencia necesaria e que o salto que darán de categoría non sexa tan grande ou non os deixe atrás. Neste nivel buscamos ir coñecendo as capacidades de cada un e, segundo vaian destacando, podemos saber se evolucionarían máis nun equipo A ou nun B.

-Cal é a súa aposta táctica para forxar aos rapaces?

-Despois de ver como se traballa noutras categorías, tanto nos primeiros como nos segundos equipos, decanteime por inculcarlles distintos tipos de estratexia para que sexan versátiles dende un comezo. Aínda que a miña idea é a dun fútbol de posesión, de ter o balón, preparámolos para outros esquemas tácticos. Mais non só iso. Opino e falo cos rapaces para saber se están cómodos na súa posición. Hai que potenciar o diálogo entre adestrador e futbolista para que se acostumen a pensar e a tomar decisións. Queremos xogadores, non robots.

-Están satisfeitos cos resultados acadados ata o de agora?

- Coa excepción dun par de partidos, estou moi satisfeito dende o inicio da tempada ata esta semana. Quitando catro equipos que vin, creo que non estamos en inferioridade e gustaríanos acabar sextos este ano. Unha das cousas que máis me gustou e chamou a atención foi ver aos pequenos que ao comezo non despuntaban e agora evolucionaron moito.

-Como definiría o potencial dos rapaces nesta categoría?

-Hai moito potencial, sobre todo en clubs como os de Boiro, Ribeira e O Son. Son os que deron un paso adiante ao ser mellores tecnicamente.

-Cre que existe unha ponte directa entre os xogadores da base e as categorías superiores?

-Por suposto. Esta metodoloxía que impulsou Yago, cunha mesma idea técnica, pero con pequenos matices, permite que non se note a diferenza nun futuro cambio de adestradores. Todos os rapaces adoitan continuar despois. Por exemplo, teño comigo a un infantil de primeiro ano ao que subimos de categoría esta tempada.

-En liñas xerais, como valora o traballo que se está a facer en Boiro coa base dende os clubs?

-É algo moi bonito que pon en contacto a moitos adestradores e xogadores, un proxecto que acaba de empezar, pero que vai medrando cada ano. Como explicaba Anxo Orellán noutra entrevista, por que non se podería importar algo similar en Ribeira?

-Que cre que precisa o fútbol base da bisbarra para seguir avanzando e medrando?

-Non é moi complicado que saia unha xeración boa e logo se desfaga, xa tivemos algúns exemplos na comarca que logo se desincharon. A filosofía é que temos que tentar que un benxamín forte xa traballe dende pequeno.