Anxo Orellán, técnico do Sálvora cadete: «Creo nunha escola municipal»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

O tamén edil destaca a importancia dos valores na base e indica que hai maior formación nos técnicos

20 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Orellán (Ribeira, 1984) leva toda unha vida ligado ao deporte. A súa tradición familiar atouno nun primeiro intre ao Artes, para dar logo o salto ao Sálvora. Exerce como técnico do cadete B e dos biberóns, así como de coordinador das categorías base. Valora a tempada, así como os retos do club e tamén os de Ribeira.

-Cales son as metas?

-Queremos que os rapaces o pasen ben. Cos cadetes estamos na metade da táboa e buscamos que poidan dar o salto ao equipo A. Cos biberóns, o que se intenta é o mesmo, que fagan deporte, que gocen do que fan.

-Exerce tamén como coordinador. As tarefas son diferentes?

-Dende o primeiro momento que aceptei o cargo quixemos romper coas barreiras que existían. Antes un rapaz do infantil B non quería ir co A. Sempre busquei que todos fóramos un Sálvora. Iso cambiouse e infantís, cadetes e xuvenís sacrifícanse uns polos outros. Todos estamos en igualdade de condicións.

-Como valora a saúde do fútbol en Ribeira?

-Quedeime cunha cousa da última entrevista a Ventoso, quizais había antes máis sacrificio. Agora hai rapaces que só practican os días que adestran, xa non xogan na rúa e iso inflúe. É algo que acontece en tódolos lados, os xogadores son menos creativos, pero máis disciplinados tacticamente. Son o primeiro que asumo a culpa, xa que en parte é polos adestradores. Esíxenlles unha disciplina táctica antes que un desenvolvemento técnico.

-Cal cre que é a principal función do deporte para os mozos?

-Queremos que o pasen ben. Hai casos nos que son idades complicadas e si por faltar a unha sesión non os convocas, igual non volven máis. Trato de explicarlles que moi poucos van vivir do fútbol, pero que poden coller hábitos que lles van servir para o resto da vida. Antes ou xogabas a isto ou non había nada. Agora hai opcións e o importante é que collan algunha.

-Iso é certo.

-Os principais culpables somos nós, porque non valoramos o traballo desinteresado que fan os clubs, que na maior parte dos casos levan catro ou cinco persoas que sacrifican estar ca familia.

-É un labor ingrato.

-Todo o mundo opina, pero hai xente que se excede. A federación sacou este día o das multas por falta de respecto aos árbitros. Moitas veces, cando ves certas actitudes, pensas que é mellor non gañar, xa que perdendo aprendes máis cousas.

-E como compaxina o seu labor coa de edil de Deportes?

-Gústanme ambas e busco a maneira de atopar ocos. Creo que nos últimos anos a oferta deportiva aumentou e que tódolos clubs contan con xente formada, o que é mellor para os deportistas. Hai moita xente en Ribeira que compite a nivel nacional e internacional, pero hai que recoñecer aos técnicos o seu labor para mellorar. O deporte de base é o futuro.

-Cales son os retos que quedan?

-Creo que dotar aos clubs dunhas instalacións máis modernas. Vaise facer a sede do remo en Aguiño, estase perfilando o proxecto do módulo cuberto na Fieiteira e instalarase o céspede novo no campo anexo.

-Esa é unha reclamación vella.

-Por problemas administrativos non puido cambiarse en Nadal, pero este verán farase. Será un céspede de última xeración, con homologación da liga profesional. Non hai outro así na zona.

-Volvendo ao fútbol base. Para cando unha escola municipal?

-Creo nunha escola municipal, pero habería que cambiar moitas cousas e algunha xente. Habería que ceder e deixar a un lado os egos polo ben dos rapaces. Non é unha tarefa fácil.

-Cada vez é máis profesional este deporte.

-Estase formando moita xente e iso é moi bo. Non é como antes que ían todos a correr ao monte, pero os títulos non o son todo. Ademais de coñecementos de fútbol hai que ter outros, como saber levar un equipo, expresarse e chegar aos xogadores. Ese é por exemplo o éxito do Artes de Juantxo, que están transmitindo unha gran imaxe do club.