Baño de ouro, de prata e de bronce do Kenpo Vilagarcía no Nacional

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

RIBEIRA

CEDIDA

KenpoO club de Mario Hermo colleita 52 medallas no Campionato de España, incluídos trece títulos

19 mar 2019 . Actualizado a las 20:39 h.

O Evofit Kenpo Vilagarcía volveu ser, un ano máis, un dos grandes protagonistas e animadores do Campionato de España de Kenpo, que desta volta tivo no Pavillón da Fieiteira de Ribeira o seu escenario, a pasada fin de semana. O balance do conxunto arousán, 52 medallas dos 24 deportistas que presentou en competición, isto é, un de cada tres loitadores galegos participantes na cita.

Trece títulos, unha ducia de subcampionatos e 27 bronces do Kenpo Vilagarcía, que se non foron máis, salienta o seu adestrador, Mario Hermo, foi polas ocasións nas que dous dos seus pupilos se atoparon nos diferentes cadros de competición. Con mención especial, inda con medalla cada un deles, a que reuníu os dous mundialistas do club, Pedro Muñoz Fole e Ricardo Ramos Suárez, na final de kata de categoría sénior, con triunfo para este último.

Ramos proclamouse ademais campión de España de defensa persoal mixta dúo, prata en defensa persoal masculina dúo, e bronce en armas e kata por equipos. Pedro Muñoz, pola súa banda, colgouse o ouro en combate semikenpo, fíxose coas pratas en kata, en armas e en defensa persoal masculina, e co bronce en kata por equipos.

Os séniores do Kenpo Vilagarcía asinaron 17 das 52 medallas do equipo nunha competición tamén para categorías infantil, cadete, xuvenil e júnior. Con Pablo Muñoz Fole bronce en defensa persoal masculina e en kata por equipos, con Ricardo Lages Crespo bronce en defensa persoal masculina, e con Laura Guimarey Longo reunindo o ouro en defensa persoal mixta dúo e os bronces en kata, en armas e en kata por equipos.

As seis competidoras presentes en Ribeira da sección federada na Coruña do Kenpo Vilagarcía, dirixida por Marc López e por Pedro Muñoz Fole, regaláronlle grandes alegrías ao club, con cinco títulos á cabeza. Sofía Griffini conquistou os títulos de combate semikenpo e de combate continuo de 12-13 anos, Eva Martínez os mesmos dous, pero de 14-15 anos no seu peso, e Sandra Duarte no do seu cadro en semikenpo.

O Kenpo Vilagarcía queda pendente de coñecer pronto a lista de convocados pola Federación Española para o Mundial Júnior, Sénior e Master, e para a Copa do Mundo Infantil, Cadete e Xuvenil.