Paseo de Plácido Betanzos, un lugar para falar e abrazar

Luís Teira Parada CAIXA DE CORREO

RIBEIRA

13 mar 2019 . Actualizado a las 16:28 h.

O pleno de Ribeira vén de aprobar poñerlle ao paseo marítimo de Palmeira o nome de Plácido Betanzos. Todo un éxito dunha comisión cívica e plural que promove a memoria dun dos veciños máis queridos. Plácido non só foi mestre de moita da rapazada de Ribeira, concelleiro nacionalista, escritor comprometido, senón que tamén foi unha persoa irrepetible e bondadosa. Cunha soa palabra, daba ánimo e cun abrazo, curaba. Coa súa forma de falar, de abrazar, de afrontar a vida cos seus problemas, tiña ese fantástico don que busca todo docente: ensinar sen ter a intención de facelo, e o que é máis sorprendente, quen escoitaba, aprendía, ou cando menos empatizaba.

Na súa faceta política era un orador nato. Cando estaba ante un problema político, era quen de artellar un discurso excepcional, ilusionante e atractivo, e con ese chorro de voz contundente e agarimoso, ofertaba sempre solucións e consensos. Era home de paz. Sabía transmitir moi ben as súas ideas grazas a forza das palabras e a xustiza nos argumentos. Foi un gran camiñante que gustaba de pararse a falar e de saudar a todas as persoas que coñecía e se atopaba pola rúa. Quen tivemos a sorte de camiñar por Ribeira ao seu carón, lembramos como era imposible pasear sen pararse a cada pouco con alguén coñecido co que se iniciase unha conversa animosa. A interacción coa xente era constante e fluída, e así eses paseos acostumaban a ser curtos en distancia, longos no tempo e sobre todo repletos dunha enerxía positiva creada polas palabras e os abrazos de Plácido.

Unha das súas grandes habilidades humanas era dar apertas con sentimento. Facíao de tal xeito que os corpos se achegaban con forza como se os corazóns se quixesen escoitar o un ao outro á vez que notabas nas costas as súas palmas das mans. Todo un símbolo de paz e amizade. Apertas breves e intensas que enchían. Durante eses segundos calquera problema que tiveses na cabeza diluíase. Realmente non sei se Plácido era consciente deste poder de curar tan seu. Pronto poderemos ir ao paseo marítimo de Palmeira a ter presente a Plácido. Alí, benquerido camarada, mentres vemos o mar buscaremos na memoria as túas palabras precisas e os teu abrazos sanadores.