David O Pedreiro, entrenador do Palmeira: «Cada xogador ten un rol marcado»

RIBEIRA

MARCOS CREO

Logo dunha xeira de dez encontros sen coñecer a derrota, a escuadra converteu o seu fútbol físico e intenso nunha garantía

12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O palmeirense David Fernández (Ribeira, 1977) afronta o reto de meter ao equipo da súa parroquia na loita polo ascenso a Segunda Galicia. Logo dunha xeira de dez encontros sen coñecer a derrota, a escuadra converteu o seu fútbol físico e intenso nunha garantía de éxito. O Pedreiro explica as súas metas, así como o camiño para acadalas.

-¿Como valora o curso?

-Viñamos nunha racha moi boa, que se cortou este domingo contra o Sporting de Lampón.

-¿Que pasou?

-En Escarabote é moi complicado ganarlles. O campo estaba embarrado, cheo de xente. O ambiente é complicado.

-Aínda así están na loita pola cabeza da clasificación.

-Dende decembro aguantamos sen perder. Fomos moi regulares e fisicamente estamos moi ben. A sensación é a de ser unha piña. Cada xogador ten un rol marcado, cuestión moi importante. A iso hai que sumarlle que adestramos moi ben durante este tempo.

-Con quen cre que terá que pelexar pola fase de ascenso.

-Creo que o campionato será para o Artes, ademais de forma merecida. Pelexaremos co Lampón, así como o Aguiño e o Oleiros. O Cruído tamén é complicado. Calquera che pode gañar, sobre todo no seu campo.

-¿Que fútbol lle gusta que practiquen os seus equipos?

-Non lles pode faltar intensidade, correr moitísimo e unha concentración máxima durante os 90 minutos. Logo xa podes xogar máis directo ou máis combinado, pero o resto é clave.

-Este ano acadouno.

-Tiven o apoio do meu segundo, Adrián Domínguez, que está facendo un traballo espectacular. Creo que temos 15-16 xogadores e pode xogar calquera. Non hai un once tipo, pero conseguimos zafarnos en moitos campos. A pesar de non contar cun goleador claro, hai catro ou cinco futbolistas que rematarán entre os 10 ou 15 goles. Ademais, en Ventín somos fortes, para nós xogar na casa é moi importante.