A política ten estas cousas

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

01 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Si se le con detemento a enquisa de Sondaxe feita para este xornal a conclusión é que o PP de Ribeira terá moi difícil gobernar aínda que gañe as eleccións. Si se estuda o momento da realización da mostraxe, a cinco meses dos comicios cun escenario no que aínda falta por configurar o mapa político local, no que xurdirán novas propostas, incluso aquelas de extrema dereita, que sen presentarse, xa se lles da presenza na corporación ou aquela outra liderada por escindidos do partido antigamente liderado por Torres Colomer, e na actualidade por Manuel Ruiz, que esta prospección non recolle, pero á que algúns auguran catro concelleiros sen coñecer a composición definitiva das listas, programa electoral, etc., ou a presentación doutras candidaturas ligadas a movementos da esquerda que poden actuar como divisorias dun voto afín, lévanos a considerar que aínda queda moita tea por cortar.

Pero, ¿cal é o motivo que leva a que o PP local se fraccione cando o seu líder é o mellor valorado e que Ribeira, despois de longos anos de abandono e perda de influenza na súa contorna cando estivo representada en tódalas administracións, incluída a provincial, volva de novo amosando músculo e deseñando un modelo de cidade que a asemella outras que se moven no mesmo ránking? ¿É por motivos persoais? ¿Por maquinacións internas/externas? ¿Por enfrontamentos dun liderado compartido non ben resolto?.

Estraño é que a enquisa reflicta a boa labor do actual goberno municipal e a capacidade de diálogo do alcalde con tódalas forzas políticas representadas na corporación polo que non se entende este rexeitamento ao PP. Mais, si se suma a representación acadada polo centrodereita conclúese que eles teñen capacidade de goberno xuntándose. Serían os mesmos de sempre, pero con diferentes siglas. E si é así, ¿que negociaran? ¿a alcaldía por tempos?, ¿a elección das concellarías que teñan máis poder orzamentario? Queda moito bacallau por desalgar de aquí a maio e neste tempo pode pasar de todo.

Pero si damos unha mirada cara atrás vemos que a división partidaria xa o sufriu antes o PSOE, da que non se recuperou, e que situou a Torres e a Ruiz na ponte de mando da casa consistorial durante todo este longo período. A política ten estas cousas.