A Plácido Betanzos, memoria de hoxe

Eme Cartea

RIBEIRA

23 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De ben nacidos é ser agradecidos. Velaí un bo lema para afrontarmos o camiño xuntos. Porque, a pesar de liberalismos e globalidades ao uso, só un modelo social de convivencia nos pode salvar de sermos utilizados como persoas e obxectos mercantilizados, de usar e tirar, como meros bens de consumo. O noso amigo Plácido Betanzos sabía moi ben que nesta «modernidade líquida» actual, o traballo, a política, a amizade e mesmo o amor son inestables. E que como seres sociais e grupais, necesitamos vínculos de amizade e confianza incondicional. Escribo de quen foi amigo e socio da asociación cultural Barbantia. Recordo que ultimamente sempre me dicía: «Perdoa, camarada, que non vaia aos actos; xa sabes que estou coidando da miña nai, enfermiña». O que é a vida…!

Por iso e moito máis o recordamos. Mestre formador e transmisor de valores transversais como o compañeirismo, o esforzo, a amizade. Político eficaz e honesto, apaixonado dos ideais nos que cría, como a tolerancia e o respecto, mesmo cos seus adversarios. Tiña ese don infrecuente de saber engadir valor emocional a todo o que facía, con xenerosidade e altura de miras, inclinado sempre, de seu, ao entendemento.

Home de vínculos nunca provisionais, sempre dado a recoñecer o bo lado das cousas, como terapia e saúde mental. Home de emocións espontáneas e proverbial carácter positivo. A negatividade non podía con el nin coa súa proverbial enerxía. Exemplo de empatía e optimismo, viviu a vida acaroado aos máis necesitados, e con el fixémonos menos hostís e máis hospitalarios.

O seu bo humor regalounos un longo sorriso contaxiado de afectividade. Por iso aplaudimos a pública homenaxe de recoñecemento e cariño que agora rendemos a quen tanto nos deu, coma celebración dos seus logros e bondades, nun xesto de complicidade e colectivo agradecemento.

Plácido Betanzos. Un home ferido prematuramente pola vida pero que segue con nós como símbolo de convivencia e necesaria memoria.