Ana Álvarez: «Non falamos só de mediación, senón de resolución de conflitos a nivel global»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A xefa de Orientación do Leliadoura subliña a importancia da educación en valores

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva máis de dúas décadas no eido educativo e dende hai nove anos é a xefa do departamento de Orientación do instituto Leliadoura. A ribeirense Ana Álvarez posúe unha ampla traxectoria profesional que se viu enriquecida cunha iniciativa que comezou no 2009, coa posta en marcha do Servizo de Mediación Educativa de Ribeira, e que acadou unha dimensión maior no 2011, co nacemento do Instituto de Mediación Educativa de Ribeira (IMER), do que é vicepresidenta.

Afirma que a súa participación neste proxecto, único destas características en España, é importante a nivel profesional, pero tamén persoal: «Aprendes técnicas de interacción que aplicas máis alá do teu ámbito laboral. Un aspecto esencial é a asertividade, que é algo que debe practicarse».

Para todo o equipo do IMER, a súa dedicación e traballo estase a ver recompensado en moi diversas frontes, unha delas coa obtención de distincións. No 2016, a entidade conseguiu un recoñecemento internacional ao facerse merecedora do galardón que asigna a Fundación Acción Magistral-BBVA. Isto supuxo que aos sete centros educativos que a integran se lles concedese o selo de calidade Centro Magistral. Hai uns días, recolleu o primeiro Premio pola Paz concedido pola Deputación de A Coruña.

O certo é que o IMER constitúe un revulsivo que vai máis alá das aulas, como explica Ana Álvarez: «Fanse actividades dirixidas a toda a poboación». Entre elas, cita unha acción divulgativa sobre o auxe das apostas e o xogo ou outra sobre os riscos das novas tecnoloxías.

Á hora de abordar os temas, Ana Álvarez explica que «sempre buscamos o que nos afecta directamente como membros dunha sociedade e abordámolo desde unha perspectiva pedagóxica».

A clave está na escola

A orientadora indica que é nos centros educativos onde pode detectarse a orixe de moitos conflitos que afectan ao resto da sociedade: «Os rapaces falan de todo nas escolas, son unha fonte de información impresionante».

A exposición Libertas constitúe a mostra dese traballo global do IMER no fomento da cultura da paz. A mostra ten unha forte compoñente divulgativa: «Dentro de Libertas hai tres bloques: os dereitos humanos, prevención das condutas de homofobia -un obradoiro impartido polo colectivo Ala- e unha unidade didáctica realizada polo IMER para a prevención do machismo».  

Ana Álvarez, ao igual que os seus compañeiros, recibiu formación específica na resolución de conflitos, e agora son outros profesionais os que requiren dos seus coñecementos nese ámbito.

A orixe do cada vez máis recoñecido universo do IMER estivo nun Servizo de Mediación Educativa, cuxo procedemento tamén é un referente a nivel estatal. Primeiro, porque non está dirixido só a alumnos, e segundo, porque implica á totalidade dos centros educativos de Ribeira. O seu funcionamento contribúe a dar visibilidade a cuestións de moi diversa índole: «Non falamos só de mediación, senón de resolución de conflitos a nivel global. Permite detectar casos de acoso, déficit de habilidades sociais ou problemáticas de personalidade».

Álvarez indica que «o sistema educativo non está centrado na formación en valores, senón nas materias. Co noso traballo compensamos as carencias existentes nese eido». Un labor que traspasou hai tempo as fronteiras da comunidade educativa para espallar a liberdade.