Ventoso resucita o fútbol modesto a través das lendas barbancesas

RIBEIRA

MARCOS CREO

Presentou o seu novo libro, «Heroes na néboa», ante veteranos do deporte da comarca

16 feb 2019 . Actualizado a las 21:56 h.

Ante un selecto auditorio no que compartían bancada históricos do fútbol barbancés como Pepiño de Evangelina ou Manolo Barcala, Genucho, Romero, Ito, Chicolino, Pajarillo ou Chucho, entre outros, o ribeirense José Antonio Ventoso Mariño presentou o seu novo libro, Heroes na néboa. Lendas do fútbol local, unha compilación de grandes futbolistas, meritorios directivos e apaixonadas afeccións que constituíron a orixe dun deporte que, como el mesmo sinalou, era accesible a todas as persoas que o querían practicar.

Ventoso gañouse aos asistentes ao acto coa súa amena intervención na que foi citando a xogadores da bisbarra de extraordinaria calidade que ben puideron militar en equipos da máxima categoría, e algúns o conseguiron, pero polo factor sorte, polo medo ou polo impedimento familiar, non fixeron carreira futbolística. Non foi o caso do ribeirense Suco I, que chegou a xogar no Barça e disputar a infausta final da Copa de Europa de 1961 contra o Benfica, ao que dedicou máis tempo, para contar experiencias e anécdotas persoais.

Máis alá das figuras que forxaron o fútbol modesto barbancés, Ventoso lamentou no que se converteu este deporte, que se pon de manifesto só con acudir a adestramentos de equipos de nenos, aos que se lles fala de técnicas «cando o que teñen que facer é correr e darlle ao balón».

Tamén se preguntou por que no norte da ría de Arousa é tan difícil manter un club en Terceira, cando no sur hai tantos, e advertiu dos perigos de meter cartos sen control para levar os equipos a categorías nas que non poden manterse, como foi o caso recente do Boiro, e o precedente do Ribeira, aínda que desexou que o de Barraña se manteña porque ten un pobo detrás.