Xosé Antonio Ventoso: «Se tes talento dá igual onde nazas»

Romántico do fútbol, escribiu «Heroes na néboa», libro co que quere reivindicar figuras esquecidas


Definir a Xosé Antonio Ventoso Mariño (Ribeira, 1951) é case unha quimera. Foi alcalde, deputado, mestre e director, pero o que o trae de volta ás páxinas de La Voz de Galicia é a súa faceta de adestrador de fútbol e escritor. O seu último traballo, Heroes na néboa, é unha porta aberta a aqueles campos de Ribeira, Boiro, Palmeira ou Lampón aos que acudían milleiros de veciños.

-¿Por que este libro?

-Quería reivindicar unha época onde o fútbol era un xogo. A pesar das dificultades que existían nos anos 50 e 60, os bos xogadores triunfaron. Cando se é feliz xogando, se tes talento dá igual onde nazas. Debemos espir toda esa parafernalia e deixar de intentar convencer aos pais de que se o seu neno aos sete anos non vai a un campus ou non fai un curso, non vai chegar a nada. Neste libro sae un conxunto de xogadores que triunfaron porque o seu talento era tan grande que non se podía tapar.

-Impera unha obsesión pola táctica e o orde, cando ao final os que triunfan son os futbolistas que rompen todo iso.

-Date conta que o sistema educativo ata os 12 anos non pide especialización. Antes teñen que aprender as regras básicas, socializar e medrar. Na ESO xa se centran no coñecemento. No fútbol non é así, xa os especializan dende os seis anos, cando o importante é que sexan felices xogando. Estase reducindo o talento. Isto leva ao que dis, a persoas mecanizadas que saben ocupar a súa zona, tocar, apoiar, pero sen creatividade. Cando chega un da rúa tódolos clubs se lanzan a por el. ¡Pero se esa flor a secaches!

-Fai tempo díxenlle a un adestrador que non vía rapaces xogando na rúa. Respondeume que era bo, que así eran máis disciplinados.

-Cruyff contoume que, cando firmou no Ajax, facía adestrar aos xuvenís no aparcamento. Cando foi encargado de Holanda, obrigou a facer 60 campos de terra. O fútbol é de pillos. Tes que aprender a xogar contra un coche, recibir de rebote, regatear a un rival aproveitando un muro. Dicía que os facía máis creativos. Coa terra, o mesmo, axudaba a mellorar a técnica. Buscaba eliminar o mecanicismo. O fútbol tende a cero. Se a táctica se impón, e ninguén erra, o partido acaba 0-0.

-Do fútbol que fala no seu libro ao actual ¿que cousa fixo que cambiara máis: A tele, os cartos ou a profesionalización?

-Agora xógase mellor que antes. Antes os campos non o permitían. Todo está máis homoxeneizado, os equipos teñen xogadores técnicos e o pelotazo non se leva. Pero o fútbol depende do azar, de se o balón entra ou non. Os bos xogadores destacan sempre, pero antes había menos coñecemento. Agora ves un partido e quedas sorprendido, hai dous bancos, un para os xogadores e outro para o corpo técnico. Hai unha mellor especialización, iso é bo, pero estamos copiando á NBA. Alá chegou un momento no que os encontros acaban 30-27, e a xente deixou de vela. A liga decidiu prohibir a defensa en zona. ¡Fixeron trampa! É como se aquí a Messi só o pode marcar unha persoa. Habería moitísimos goles. Non debemos perder de vista que o fútbol é dos 11 xogadores e non dos 16 adestradores.

-O que dí recórdame a aqueles Liverpool-Chelsea de Benítez e Mourinho. Daba medo velos.

-Todo o mundo quere gañar, pero o afeccionado paga para ver algo atractivo. O equipo que máis me gusta é o Liverpool. É incrible á velocidade á que xoga. Espero que gañe a Copa de Europa. Coma na arte e na sociedade, se non evolucionas estáncaste. Ao fútbol español estalle pasando algo así. Teñen tan inculcado o tiquitaca que ven a un xogador como Vinicius e tolean. Nótase que vén dos campos de terra; xa se verá a onde chega, pero é que se lanza contra os defensas.

-Volvendo ao libro. ¿Que xogador lle chamou máis a atención?

-Fran. É o que ten máis internacionalidades xunto a Amancio. Para que un rapaz de Ribeira chegue a internacional con Clemente e Camacho... Era un crack porque facía mellor ao resto. Logrou que durante 15 anos, os laterais esquerdos do Dépor foran con España. Só tiñan que correr e coller o balón onde llo poñía. Logo está Suco, o maior, que con 20 anos xogou con Kubala, Luis Suárez... Foi algo extraordinario. Estivo na final da Copa de Europa contra o Benfica. Era un crack xa só vestíndose. Era a elegancia personificada. Saía ao campo como un modelo, parecía que flotaba. A súa zancada, o regate, o xeito de estar... non vin outro así.

-¿Onde quedaron aqueles campos como o de Frións con milleiros de persoas? ¿A tele cargouse o fútbol local?

-Antes, coas televisións en branco e negro a xente necesitaba saír fora. O fútbol era barato, social, emotivo e afectivo, porque coñecías aos xogadores. Os veciños participaban no espectáculo, gritaban e apoiaban. Agora a tecnoloxía tende a illarte. A televisión e as redes sociais son frías, non te relacionas con outros. O monopolio da diversión por parte dos grandes clubs tamén foi en detrimento dos locais. ¿Para que mollarte se na túa casa verás un espectáculo de primeiro nivel? Os veciños que seguen indo aos campos de fútbol da comarca son os últimos resistentes.

-Neses campos xa non hai xente moza. Case non queda xente que vibre a pé de céspede.

-Aí está a clave. Na vibratio, como lle chamaban os latinos. Os que fomos educados en que a emoción haina que sentir e compartir, pois vemos o fútbol doutro xeito. Consideramos que se faltamos nós no campo o equipo non responde igual.

-¿E como ve o fútbol actual na zona?

-O Ribeira está na UVI, como estará o Boiro se non lle pon remedio. O Ribeira chegou a Segunda B e agora xoga en rexional. Foi un avance cara a nada. Ambos subiron cando non tiñan estrutura para facelo, pero había xente que quería poñer ao club no mapa. Cando os cartos marcharon, precipitáronse cara abaixo. Son proxectos errados porque non responden á evolución natural dunha sociedade. Se non podes chegar non paga a pena. Se traes 11 xogadores de fóra rompes a identidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xosé Antonio Ventoso: «Se tes talento dá igual onde nazas»