Álex Vidal: «Chego nun bo momento de forma, pero veremos no tapiz»

RIBEIRA

CEDIDA

O veciño da Ameixida disputa na cidade turca de Belek a cita mundial co obxectivo de sumar unha nova medalla

06 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Álex Vidal (Ribeira, 1981) comeza esta tarde co asalto a un novo título mundial. Tras meses de preparación, o veciño da Ameixida viaxou á cidade turca de Belek, na provincia de Antalya, na procura de máis puntos que lle outorguen unha praza nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020, cita que poría un broche de ouro a unha carreira repleta de éxitos e na que derrubou tódolos muros que se atopou ao seu paso.

-¿Como afronta este mundial? ¿Que tal está fisicamente?

-A verdade é que chego nun bo momento de forma, pero veremos no tapiz. Levamos preparando este torneo catro meses.

-¿Cal é a meta?

-A idea é alcanzar o podio, e a ser posible superar aos rivais que teño por enriba na clasificación mundial. Se o consigo poderei recortarlles puntos, algo que é fundamental a estas alturas. O obxectivo final está claro que se atopa na medalla de ouro, pero a ver como sae todo.

-Leva xa un día en Turquía. ¿Tivo tempo de soltar as pernas?

-Sí, completamos varios adestramentos e sentinme cómodo e rápido. Agora toca centrarse na competición.

-Ten uns meses bastante apertados. Logo do Mundial debe viaxar a África.

-Cando remate aquí regreso á casa. Pasarei en Ribeira dez días antes de loitar no campionato de África, que é un G2. Será pouco tempo entre un e outro, polo que o importante pasa por recuperarme rápido. Tocará axustar certas cousas logo das sensacións que teña en Turquía. Os puntos que consiga inflúen, xa que, segundo remate na clasificación, terei que volver ao tapiz ou reservarme máis.

-Arrancar a campaña co Mundial non é moco de pavo.

-É certo. É a cita máis importante. Se fas un bo papel podes medrar moito. Se supero á xente que teño agora mesmo por enriba asegúrome un respiro. Cando tes citas moi próximas o estres aumenta. É mellor contar con tempo, con marxe suficiente para prepararte mellor, para facer probas e non estar sempre con carga de traballo, o que tamén che permite evitar lesións. Toca dar o máximo no mundial. Se gozo de sorte poderei afrontar o resto do ano con máis calma.