Javi Maneiro: «Mentres teña a necesidade de botar fóra sentimentos non me renderei»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Lanza o seu segundo disco en solitario, un traballo melódico e sentimental

31 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A súa traxectoria é de sobra coñecida, pero Javi Maneiro está convencido de que aínda é quen de sorprender. Téntao con Acaricia mis arrugas, o seu segundo disco en solitario. Asegura que este traballo reflicte a súa madurez como letrista e como compositor, despois da experiencia anterior con Furtivos. Confesa que se presenta, a través de oito temas, a peito descuberto, con cancións que van directas á alma, nas que se poden identificar sentimentos cotiás e universais como son o amor, o medo, o desencontro, o esforzo, a valentía ou a decepción.

Hai neste novo traballo do artista ribeirense crítica social: «Aparece por exemplo en ¿Son un estorbo los héroes? A pregunta non é por que, senón para quen son un estorbo os heroes». Tamén hai recoñecemento para a loita pola igualdade que cada vez con máis forza están levando a cabo as mulleres a través de Labios rojos. Hai homenaxe ao traballo, ao esforzo e á perseveranza en Hombre árbol e hai lanzamento de mensaxe: «Quiérete tú fala de aprender a afrontar os problemas, de valorarse a un mesmo como cadaquén é». Repasando os temas que conforman o traballo, Javi Maneiro non se pode conter e afirma: «É un disco moi bonito de escoitar».

Nunha dilatada traxectoria musical que supera xa as tres décadas, o ribeirense sitúa este novo proxecto como un paso adiante: «Eu tratei sempre de mellorar as letras, porque como compositor, o importante é que as cancións teñan contido e mensaxe, que emocionen». Non dubida á hora de asegurar que o resultado que obtivo foi un disco moi melódico.

Para decidir persoalmente cada letra e cada son, Javi Maneiro optou pola vía da produción propia. É consciente de que loita nun mundo, o musical, cada vez máis difícil e competitivo, pero sostén que borrou da súa mente a dureza dunha batalla que no pasado non dubidou en sacar á palestra, incluso a golpe de cancións: «Se pensas nos impedimentos nunca farías nada. Para min é un regalo poder gravar un disco, ter xente que me apoie e que confíe en min. O esforzo sempre é o mesmo, xuntar un equipo de traballo para vestir unhas cancións que naceron núas».

Paixón polo directo

El non é persoa de pensar no futuro, prefire ir pouco a pouco e que pase o que teña que pasar. O que máis lle preocupa da aceptación que poida ter este segundo traballo en solitario é a cifra de concertos que lle reportará: «Os músicos queremos tocar en directo e iso é o que imos buscar a partir de agora». Ten claro que despois deste disco chegará un terceiro e así sucesivamente: «Mentres teña a necesidade de botar fóra sentimentos non me renderei».

Aínda que está curtido pola ampla experiencia tanto dentro dun estudo como enriba dun escenario, Javi Maneiro séntese, musicalmente falando, como unha alma nova: «Estou nun momento no que me apetece seguir aprendendo. Sinto que teño máis gañas de experimentar, de transmitir e de tocar en directo que cando tiña 18 anos».

De cara á presentación oficial do disco, prevista para finais de marzo, confesa que apostará por un punto de encontro a nivel Galicia, probablemente Santiago, aínda que buscará a maneira despois de ofrecer un concerto na súa casa barbancesa, diante do seu público máis fiel. Ao longo dos últimos meses, Maneiro compaxinou o lanzamento deste disco con Heredeiros da Crus, grupo que sigue escribindo a súa historia e sobre o que se limita a dicir: «Estou desexando que a xente coñeza á persoa e deixe de lado ao personaxe».