Adam Barreiro: «Pensaron que non podería andar»

RIBEIRA

MARCOS CREO

Pichichi do Atlético Ribeira, analiza as principais claves da gran tempada do líder de Segunda Galicia

29 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Adam Barreiro Ventoso (Ribeira, 1992) converteuse nunha peza clave do Ribeira. Dono dun xogo entre liñas digno de categorías superiores, este curso deu un paso á fronte para sumar chegada á área ademais do seu excelente último pase. Con 14 tantos exerce de pichichi do líder.

-O Ribeira leva unha tempada para sacarse o sombreiro.

-O certo é que non pensábamos ir tan ben a estas alturas. Non se esperaba que os rapaces, a maioría de primeiro ano, responderan tan ben en Segunda Galicia, que é unha categoría moi física e dura.

-Volveron a gañar este fin de semana contra o Recesende.

-Foi un encontro moi complicado, en campo de terra. É unha superficie onde non podemos facer o fútbol que nos gusta. Custounos moito xogar.

-Teñen un equipo con talento, de moita combinación.

-Si, é o que mellor se adapta ás nosas características. Por arriba non somos moi altos. Viaxamos coas baixas de Joseíño, Suárez e Vidal, que se notaron moito.

-Volveu a marcar. Está facendo un temporadón. ¿A que o achaca?

-Estou mellor do que esperaba. Inflúe moito o ambiente que hai no vestiario, en comparación co ano pasado. Iso vese nos adestramentos e nos partidos. A xente está moi contenta.

-Terá que pasar pronto polo quirófano. ¿Xa ten fecha para volver ao céspede?

-Tócame operación e a ver como vén a recuperación. Espero volver o antes posible, pero o médico non me falou de prazos. Primeiro veremos como evoluciono da cirurxía e logo analizaremos.

-Non é a primeira vez que ten que pasar polo bisturí.

-Cando nacín pensaron que non podería andar. Con esta levarei 19 operacións.

-A pesar de todo véselle de bo humor e nun gran estado físico.

-O peor xa o pasei de neno, acostúmaste. A perna esquerda ten menos forza, pero fisicamente estou ben. Non teño queixa.