Artes, capital mundial do gravado

Ramón Ares Noal
Moncho Ares RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A biblioteca ilustrada multiplica os fondos dunha instalación que conta coas obras dos mellores artistas

26 ene 2019 . Actualizado a las 19:47 h.

Hai vinte anos, ninguén podía soñar que en Barbanza puidese haber un museo con obras de consagrados artistas como Goya ou Dalí, nin moito menos que albergara máis de 30.000 cadros dos mellores creadores, pero agora que falta pouco para que se cumpran esas dúas décadas non só é unha realidade, senón que a pequena parroquia de Artes, do municipio de Ribeira, é a capital mundial do gravado, por obra e graza dun tolo coleccionista chamado Javier Expósito. El foi quen de xuntar tamaña colección, redobrou a súa loucura cedéndoa para goce de todos, e acaba de multiplicala por infinito coa apertura da biblioteca ilustrada con obras excepcionais que corroboran a importancia do Museo do Gravado.

Foi onte o día elixido para a apertura desa nova instalación que, como dixo Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, contribúe a aumentar os fondos do museo, xa que os volumes incorporan gravados que se suman aos milleiros cos que conta a instalación, onde ás miles de estampas únese a colección bibliográfica coa que contaba Javier Expósito e da que se encargou de catalogar e ordenar Xoán Pastor Rodríguez, coa axuda da Xunta de Galicia e da Deputación, para organizar a biblioteca, tanto nos andeis como polos contidos, nos dous anos que leva como coordinador do centro.

Publicacións históricas

Buján explicou ao público que enchía a dependencia a importancia das obras e do libro ilustrado, que permite descubrir o mundo a través das imaxes. Sinalou que en Artes quedan a disposición do público publicacións históricas do mundo do gravado, e enumerou o feixe de creadores aos que se ten acceso, entre eles os galegos Seoane, Laxeiro, Costa, Ayaso, Castelao, entre outros, por medio de «edicións inaccesibles ata agora», e engadiu o orgullo de que Ribeira poda contar cunha colección extraordinaria.

O principal responsable do Museo do Gravado de Artes, tanto do inmoble como dos contidos, Javier Expósito, expresou moi emocionado a satisfacción porque as súas coleccións se expoñan permanentemente nun currucho do municipio de Ribeira, agradeceu a comprensión que encontrou para facer realidade o seu sono e admitiu que da moito «pero he recibido mucho» cedendo para goce do público as obras que tantos días e horas lle custaron facerse con elas. Rodeado de fillos e familiares, deixou dito o seu desexo para cando non estea: que o ben cultural que se concentra en Artes sexa inamovible «esa es mi voluntad y mis hijos deben respetarla».

Da mesma forma que Expósito foi clave para que o Museo do Gravado de Artes sexa unha referencia municipal, o mesmo sucede co alcalde, Manuel Ruiz, que foi quen de entender a súa importancia e de contar co apoio da corporación municipal para que o Concello de Ribeira asuma a xestión, de forma que a colaboración que empezou hai oito anos foi crecendo ata firma do acomodato que se plasmou onte no propio museo, ante a presenza do responsable de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo, que gabou a faceta que acababan de incorporar as instalacións e que ratifican a súa condición de interese internacional.

E para mostra da relevante colección que hai dentro dos muros da antiga reitoral de Artes, inaugurouse así mesmo unha exposición de gravados propios de Piranesi, que pertencen aos fondos do museo.