Tres distincións nun acordo que valoran a veciñanza

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

18 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Oacordo plenario da corporación municipal ribeirense polo que se recoñecen a Manuel Ayaso, Enrique Paisal e Xoán Fernández méritos para nomear un conservatorio, unha casa da cultura e unha praza cos seus nomes pon en valor a veciñanza. A veciñanza conforma esa calidade que está unida a que todos vivimos xuntos e coñecémonos. Sabemos uns dos outros. Sabemos quen son nosos avós, pais, irmáns, primos e quen vive no cuarto ou no sexto, cos que mantemos unhas relacións que, en moitos casos, son máis duradeiras e fortes que as familiares.

Un acordo deste calibre serve para recoñecer e premiar, pero tamén para exercer a xenerosidade de quen goberna para os que en determinadas fases da súa vida practicaron o nobre exercicio de dicir de onde saíron co orgullo e a satisfacción de que alí onde naceron tamén será o lugar onde repousar cando chegue o momento.

Os tres son recoñecidos como artistas, tanto en Ribeira como fóra. Os tres viaxaron e viviron no estranxeiro. Os tres regresaron. Os tres están vivos. Agardemos que por moito tempo. Premiar ás veces resulta máis complicado que castigar e poñer a todos de acordo vese como unha tarefa difícil, pois cada grupo político pode ter opinións encontradas con respecto a outro neste punto, pero debe primar sempre o senso común como foi neste caso.

Recoñecer en vida debe ser a práctica habitual no exercicio das organizacións democráticas. Recoñecer aos nosos debe ser unha actividade habitual na política municipal porque o exemplo dos premiados servirá para xeracións actuais e futuras.

Premiar en vida debe garantir que ese recoñecemento non se debe eliminar no futuro, cando xa os premiados non se encontren neste mundo, porque esa práctica trae o descrédito a quen goberna e a ignominia a quen non se pode defender, tal como aconteceu no concello de A Pobra ao sacarlles as distincións a Fernández Albor e a Segundo Durán este mesmo ano.

Garántase, pois, a través dun Regulamento de Honras e Distincións aprobado pola corporación municipal e respéctese o que se acorde, porque desta maneira non se estará ao albur do que decidan os políticos do momento en función dos seus únicos intereses.