Cristina Calviño: En loita contra as enfermidades autoinmunes

Nuns días incorporarase ao equipo de investigación da Clínica Universitaria de Navarra


ribeira / la voz

Na actualidade, cando tanto se fala da fuga da talentos, sobre todo en determinados eidos coma o da investigación sanitaria, resulta complicado atopar a unha moza cunha traxectoria meteórica forxada sen ter que traspasar as fronteiras españolas. Pero na parroquia ribeirense de Carreira agóchase un bo exemplo. Trátase de Cristina Calviño Sampedro. Ela é unha licenciada en Bioloxía que decidiu encamiñar o seu futuro cara a investigación biomédica e a menciña molecular. O seu esforzo tivo unha rápida recompensa, posto que vén de ser chamada para incorporarse a un dos centros médicos de referencia en España, a Clínica Universitaria de Navarra.

De nena, a ribeirense xa sentía unha atracción especial pola investigación, aínda que cando decidiu embarcarse na carreira de Bioloxía asaltáronlle as dúbidas sobre se elixir a rama molecular ou a ambiental. Antes de ter o título na man, tivo claro o camiño profesional polo que loitaría: «No último ano de carreira xurdiume a posibilidade de traballar nun laboratorio como investigadora en biomedicina e a balanza xa se decantou de forma irremediable». O linfocito T, o que regula a resposta dun corpo diante de enfermidades autoinmunes foi o seu primeiro campo de actuación.

Etapa no laboratorio

Cristina Calviño seguiría mergullándose nas enfermidades autoinmunes un lustro máis, tempo que dedicou á tese doutoral, na que investigou os péptidos tolerizantes para o tratamento de ditos problemas. Nese período mesmo chegou a entrar en contacto co prestixioso grupo dirixido por María José Alonso, o que lle permitiu introducirse no mundo da nanotecnoloxía. Do traballo realizado, a ribeirense destaca os importantes resultados obtidos para o tratamento da diabete de tipo 1: «Aplicando determinados péptidos tolerizantes conseguimos reducir a resposta proinflamatoria específica», é dicir, que se viron minguadas as consecuencias da enfermidade. E os tratamentos foron probados en modelos animais con resultados positivos, polo que só faltaría a aplicación en seres humanos para probar de xeito definitivo a súa eficacia.

E pode que Cristina Calviño poida dar en breve ese último paso. En cuestión de días, iniciará unha nova andaina laboral na Clínica Universitaria de Navarra, onde se encargará de ensaios clínicos para tratar diferentes enfermidades autoinmunes. O seu principal campo de actuación será a esclerose: «Estou moi contenta, xa que terei ocasión de aplicar todo o feito dentro do laboratorio. En función de como vaian indo os resultados, iremos abranguendo outras enfermidades, como a artrite ou o lupus».

Entrar a formar parte do equipo de investigación do centro sanitario navarro atráelle tamén por ser este un hospital de referencia no relativo ao tratamento do cancro, especialidade coa que xa tivo algún contacto no pasado: «Durante o doutorado colaborei en proxectos de diagnose precoz do cancro colorrectal e en Navarra teñen unha interesante terapia para atacar o cancro coas propias células do enfermo. Abrirme a novas vías paréceme moi interesante».

Desexos cumpridos e soños

Cristina Calviño non dubida á hora de asegurar que se están cumprindo os seus desexos: «No futuro gustaríame achegarme á miña casa, pero agora mesmo, este é o traballo desexado». Do que leva feito ata o de agora, a veciña de Carreira confesa que, do que máis orgullosa se sinte, é de ter participado na aplicación de nanovacunas para modular o sistema inmune co fin de tratar a diabete de tipo 1 e lograr os resultados esperados: «Aplicado en pacientes, permitiría saber se unha persoa vai padecer a enfermidade e empezar un tratamento previo para evitar os efectos, xa que no caso da diabete, as consecuencias son moi difíciles de reverter».

Pero, loxicamente, como calquera persoa nova, formada, ilusionada e con gañas de seguir esforzándose día a día, Cristina Calviño ten os seus grandes soños: «O máis grande sería conseguir unhas técnicas de inmunoterapia eficaces e sen efectos adversos para tódalas enfermidades autoinmunes; pois neste tipo de males, a base de todos é a mesma». Amósase disposta a seguir en loita, polo que o abano de posibilidades de ver cumprido este soño é amplo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
19 votos
Tags
Comentarios

Cristina Calviño: En loita contra as enfermidades autoinmunes