Pepe Currucho: «A xente quéreme ben, é o que levo dos 40 anos de traballo como carniceiro»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O trato cos clientes foi para el o mellor dunha traxectoria laboral que finaliza

31 dic 2018 . Actualizado a las 08:55 h.

A praza de abastos de Ribeira vén de quedarse orfa. Perdeu un dos seus vendedores máis simpáticos, unha persoa á que poucas veces lle faltaba o sorriso. José Rodríguez Deán, coñecido como Pepe Currucho, decidiu atravesar a liña e iniciar a etapa dourada da xubilación. Despois de catro décadas exercendo como carniceiro, primeiro nun negocio que agora rexenta a súa muller en Porto do Son, localidade na que reside, e desde hai 24 anos no mercado de Santa Uxía, asegura que lle custou un pouco tomar a decisión, xa que lle encanta estar detrás dun mostrador para conversar cos clientes.

Vaise plenamente satisfeito: «Nunca tiven un problema con ninguén, nin sequera unha discusión. Na praza de Ribeira hai de todo, como en todas partes, pero podo dicir que a convivencia, no que a min se refire, foi boa». Marcha, de feito, cunha chea de amigos e un feixe de anécdotas: «Para min, o mellor de todo este tempo foi a relación cos clientes, aos que lle contaba chistes e tamén lles botaba algunha que outra reprimenda». Pero, para el, sempre rexeu o dito de que o cliente ten sempre a razón, aínda que en máis dunha ocasión considerara o contrario: «Pasábame moitas veces, que alguén se empeñaba nun produto que non era o mellor, pero no último momento tiña que darlle a razón, pois o que paga, manda».

Desde o seu posto na praza de abastos ribeirense, José Rodríguez foi testemuña do gran cambio que experimentou o sector coa apertura dos grandes supermercados: «As ventas baixaron drasticamente, eu penso que nos últimos tempos vendemos a metade do que despachábamos antes. Aquí segue a vir a xente maior, pero o resto prefiren as grandes superficies que lles ofrecen outros servizos, como pode ser o aparcamento». El insiste en que a calidade do produto segue a ser o punto forte dos mercados: «Eu o día de Noiteboa levanteime ás sete da mañá para ir polas aldeas mercar cordeiros e tenreiros que levei ao matadoiro, ofrecendo unha carne fresca».

Facilidade de palabra

Aínda recoñecendo que o traballo é sacrificio, o veciño de Porto do Son confesa que lle dá mágoa deixar para sempre o seu posto: «Polo ben que o pasaba si que me doe deixalo. Pero, por outra banda, tendo en conta todo o que levo traballado e sabendo que os meus fillos non queren coller o relevo, pois mellor irme hoxe que mañá». Ao longo desas catro décadas, Rodríguez Deán percorreu boa parte de Galicia mercando carne. Esas viaxes traducíronse en gratas experiencias, pero o seu punto forte sempre foi o contacto cos clientes: «A xente quéreme ben, é o que levo dos 40 anos de traballo como carniceiro». Coñecido pola súa facilidade de palabra, recoñece que non é a primeira vez que escoita frases do tipo: «Corta máis e fala menos, coma se eu non puidera facer as dúas cousas a un tempo».

De entre tantos aspectos positivos que tivo a súa longa traxectoria profesional, o sonense tamén menciona algún negativo: «O que menos me gustaba era limpar patas e tripas para os callos, pero deixamos de facer iso, porque todo viña xa preparado do matadoiro. Entón xa empezou a ser todo unha marabilla».

O que foi ata o de agora o seu veciño de posto, quedarase co espazo que el rexentaba na praza de abastos ribeirense. A el e ao resto dos vendedores do recinto, José Rodríguez deséxalles sorte, engadindo que lles augura un prometedor futuro: «O mercado ten tres ou catro meses de inverno que son moi frouxos, pero no verán as ventas son boas. A xente de fóra vén cansada do produto dos centros comerciais e, ás veces, nin miran o prezo do que compran».