Miguel Franco: «A produción marisqueira está a caer en picado, notámolo moito»

O responsable da entidade considera prioritaria a recuperación dos bancos de bivalvo


Ribeira / La Voz

Dende hai xa dúas décadas, Miguel Franco está á fronte da confraría de pescadores de Palmeira. A entidade resiste, pero hai que pelexar moito para poder conseguilo. A escaseza de recursos é un dos aspectos que máis preocupa aos socios.

-Vostede é un dos patróns maiores que alertou do descenso da ameixa babosa nas concesións, ¿como está a situación do sector?

-Non podemos perder postos de traballo neste sector. A produción marisqueira está a caer en picado, notámolo moito. Dende hai unha década para aquí o descenso é considerable. Antes traiamos a terra 36.000 quilos de ameixa vermella nunha campaña e agora son nove toneladas. No caso da babosa, a situación é alarmante. Estamos quedando sen ela, pero é un problema que tamén afecta a outras entidades.

-¿Tomaron algunha medida?

-A solución pasa pola rexeneración dos bancos, facendo traballos para sementar bivalvo e de labrado do terreo. Estamos a facer xestións para solicitar axudas e poder acometer este labor. Sen embargo, considero que hai que analizar o que está a suceder, porque se trata de algo xeral. O fundamental é determinar que está a acontecer e articular as fórmulas para a recuperación do recurso, que é o sustento de moitas familias. Hai que conservar os empregos.

-Nesta situación será difícil manterse e que os profesionais acaden un xornal digno.

-O sector subsiste, pero hai dificultades. Polo momento estamos aguantando bastante ben e imos afrontando as campañas, pero non cabe dúbida de que sería interesante lograr unha melloría.

-¿Hai aspectos que poidan mellorarse?

-A comercialización é un deles, para conseguir sacar máis rendemento ao produto que vendemos, que acade un prezo maior do que ten. Temos que aproveitar os recursos que che dá Internet, que é unha plataforma moi importante para a venda das capturas, para buscar aqueles mercados aos que lles poidamos sacar máis partido.

-Unha das cuestións que ten demandadas a entidade é unha reforma da zona dos pantaláns.

-Temos unha imperiosa necesidade porque os barcos de dez metros teñen que ir a Ribeira, porque en Palmeira carecemos de calado. Iso tamén inclúe o dragado do peirao. Ao mesmo tempo, precisamos un incremento do número de prazas de amarre, porque na actualidade hai demanda por parte de persoas que teñen embarcacións da sétima lista. Este é un aspecto no que xa levamos traballando dende hai un tempo.

O pósito ten un plan para reformar o peirao e o paseo

O patrón maior explica que existe un proxecto para a reforma do peirao de do paseo marítimo que ten como obxectivo dinamizar toda a zona. A actuación consiste na creación de prazas de estacionamento, así como dun amplo espazo que, por unha parte, permita mellorar o traballo dos profesionais do mar e, por outra, sexa un lugar de ocio para veciños e visitantes.

A entidade realizou xestións ante a Administración e confía en ver materializado o proxecto.

Seguir leyendo

DATOS DA CONFRARÍA

Patrón maior

Miguel Franco. Afronta o seu quinto mandato como responsable da confraría de Palmeira. Pertence ao colectivo de empresarios e está dedicado ao sector de artes menores.

 

 

Xunta xeral

Formada por 10 membros. Do colectivo forman parte tralos comicios celebrados o pasado 29 de setembro Juan Vicente Franco, que é o segundo vicepatrón maior, Miguel Franco, Daniel Castro, Damián Domínguez, Benito López, Ángeles Betanzos, Manuela Pérez, que ocupa o cargo de primeira vicepatroa maior; Fernando Guillán, Víctor González e Baltasar Pontes.

 

 

Socios

Un total de 32. Os afiliados da entidade traballan no sector de artes menores e no marisqueo.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Miguel Franco: «A produción marisqueira está a caer en picado, notámolo moito»