A derradeira singradura do Capitán Estachas, Toño Callón

RIBEIRA

cedida

O veciño de Ribeira, presidente do Círculo Mercantil e patrón da Escola de Vela da Dorna, faleceu aos 56 anos

16 nov 2018 . Actualizado a las 20:38 h.

«Ata a vista, boa proa a todos, xa nos veremos por eses mundos. Non contestar que xa non estou operativo. Ata aquí chegamos, bicos á familia e patadas á cadela», deixou escrito Antonio José Callón González, Toño para os seus achegados e alcumado Capitán Estachas pola familia da Real E Ilustre Cofradía da Dorna. O ribeirense faleceu aos 56 anos de idade, uns sete meses despois de que marchara a súa dona, María José Gago Cores. Gardapesca de profesión, o mar era o seu universo, que compartiu cos que tiña ao seu carón. No ano 1991 formou parte da primeira directiva da Real e Ilustre Cofradía da Dorna e foi un dos impulsores da Escola de Vela da entidade, da que se convertiu en mestre para propiciar a formación de novos patróns. Foi o primeiro en asistir, en 1992, patroneando a dorna xeiteira da entidade, a Virxe do Carme, a un encontro internacional representando á Real e Ilustre. Así viaxou a Brest acompañado doutros dous tripulantes e, un ano despois, formou parte do comité organizador que fixo posible o primeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais celebrado en Ribeira. No último ano implicouse a fondo, como facía sempre, na redacción do proxecto co que a Real e Ilustre pretendía que Ribeira volvera converterse en sede desta cita. Cos seus compañeiros, como Chori, Pablo, Ramón ou Josián facía percorridos pola ría, que recibían o nome de asaltos. A imaxe, facilitada por Chori, corresponde a un deses asaltos, a bordo da dorna Nai, que tivo lugar o 22 de setembro.

Os seus restos mortais están sendo velados na sala 6 do tanatorio de Los Dolores e serán trasladados hoxe a Boisaca para ser incinerados. 

A súa implicación e o seu eterno desexo de axudar e botar unha man alí onde facía falla tamén o levaron á presidencia do Círculo Mercantil e Industrial de Ribeira, cargo que ocupaba na actualidade. Os que estiveron sempre ao seu carón lembran que «sempre estaba tirando de nós». En señal de loito, o Círculo Mercantil e Industrial permanecerá pechado hoxe e suspendéronse as actividades previstas para a fin de semana.