Siro López explica con mestría o paso da ditadura á democracia

Ramón Ares Noal
moncho ares RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Unha exposición de medio cento de debuxos reflicte os principais chanzos dunha etapa histórica

11 nov 2018 . Actualizado a las 23:16 h.

En tempos nos que se pon en dúbida aquilo que pensamos que foi un proceso modélico e non traumático que deu pé a un longo período de reconciliación, o gran Siro López, debuxante imprescindible dos acontecementos daquela actualidade, convídanos a facer memoria dunha etapa transcendental da historia de España a través da colección O camiño á Constitución nas caricaturas de Siro, que dende onte e ata o día 27 deste mes pode ser visitada na sala de exposicións do Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira.

Probablemente, se nos deixaramos guiar polos sabios trazados do artista, non andaríamos a discutir sobre aquela etapa, porque Siro, poñendo de manifesto a súa percepción de cada un dos acontecementos que nos levaron da ditadura á democracia, a través das súas obras é quen de insuflar un toque que relativiza incluso os momentos máis tensos, o que non significa a deturpación da historia.

Repartidos pola sala

Os presidentes do Goberno ata Felipe González, as figuras de Fraga, pola súa condición de integrante do executivo, xefe da oposición, fundador do xerme do PP e presidente da Xunta, e Santiago Carrillo, por facilitar a transición, sobresaen repartidos pola sala de exposicións individualmente, pero das paredes penduran os pasos que nos levaron dun réxime a unha democracia, quizais imperfecta, pero trufada de liberdades só imperceptibles para aqueles que non viviron a represión do franquismo.

O acto de inauguración foi iniciado pola concelleira de Cultura de Ribeira, Herminia Pouso, quen subliñou que a mostra que se abría no Lustres Rivas é unha selección de medio cento de obras de Siro López que forma parte dunha máis extensa de 117 debuxos. Sinalou que se trata dunha exposición idónea para ser visitada polos alumnos dos colexios e institutos de Ribeira, para achegarse a unha etapa clave da historia de España.

O alcalde, Manuel Ruiz Rivas, agradeceu á Deputación que contase con Ribeira como parada desta exposición, pois é un dos catro concellos da provincia polos que vai pasar, e, así mesmo, felicitou ao organismo polo labor que está a facer a prol da cultura e a súa difusión.

O deputado provincial Antonio Leira Piñeiro recoñeceu que o proceso que reflicten os debuxos de Siro corresponde a unha etapa na que el aínda era neno, porén considerounos un eixo para a sociedade actual, contados por «un grande». Animou aos ribeirenses a gozar dunha mostra imprescindible.