«A confraría desaparecería se tivera quedado fóra da xestión da lonxa»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable da entidade afirma que o sector vese moi atenazado por continuos recortes e imposicións

29 oct 2018 . Actualizado a las 00:13 h.

Revalidou con amplitude a confianza dos socios para continuar á fronte dunha confraría que hai pouco máis dun ano deu un salto cualitativo, ao decidir integrarse na xestión da lonxa de Ribeira. José Antonio Pérez Sieira (Ribeira, 1962) explica que decidiu presentarse de novo ás eleccións de patrón maior «porque quedaron cousas sen facer, como lograr o cambio do decreto de artes». O respaldo obtido nas eleccións do 29 de setembro, afirma, danlle folgos, ao tempo que expresa o seu agradecemento pola confianza depositada nel.

-¿Que supuxo para o pósito a entrada na xestión da lonxa?

-A estabilidade económica da confraría. Temos unha participación do 10 % e pasamos de facturar nós polo peixe que vendemos dos barcos a que o faga a empresa da lonxa. Co modelo anterior tiñamos a incerteza de se iamos cobrar ou non para pagarlles, cando había retraso nos pagos pasabámolo mal porque carecemos de grandes fondos de reserva. Á confraría débenselle moitos cartos, dende hai varios anos, que temos reclamado. Hai algún comprador que debe 12.000, outro 14.000 e ata 22.000 euros. Na actualidade, todas as empresas que mercan na rula deben ter un aval. Se non chegamos a entrar o noso futuro veríase comprometido. Penso que a confraría desaparecería se tivera quedado fóra da xestión da lonxa. Ao mesmo tempo, hai que pensar que o 80 % da pesca de baixura pertence á entidade. Non podiamos quedar fóra porque estamos falando dunha parte moi importante do sector que, ademais, vese atenazado por continuos recortes e imposicións.

-¿A situación económica da entidade mellorou?

-Estamos ben e podemos manter a todo o persoal que temos contratado. Os ingresos aumentaron porque hai máis venda de peixe e os prezos tamén son algo maiores. Ao mesmo tempo, hai novas embarcacións que comercializan a través da vendeduría da confraría e esa porcentaxe queda para nós.

-¿Cales son as perspectivas?

-Pretendemos aumentar o número de barcos, especialmente os da flota do Gran Sol. Hai compradores novos de Vigo interesados en vir aquí e iso é bo. Cantos máis haxa mellor, porque aumenta o valor do peixe. Ao mesmo tempo buscamos comercializadores para a nécora e a centola, porque temos un problema para vender este marisco debido a que a oferta supera á demanda.

-¿A confraría valorou incrementar a súa participación na xestión da rula?

-Se se dera algunha circunstancia especial poderíamos mirar a nosa participación. Decidimos entrar porque hai que buscar un equilibrio para que os mariñeiros poidan sobrevivir. Buscouse que a xente non tivera que afrontar máis pagos.