Aguiño súmase á gran homenaxe a Plácido Betanzos

La Voz

RIBEIRA

cedida

A décima mostra de teatro inclúe catro funcións, nas que se recollerán donativos para o monumento ao escritor

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 3, 10, 17 e 24 de novembro?•?Conservatorio de Aguiño (Ribeira)?•?20.30 horas?• Chega unha nova edición, a décima, da Mostra de Teatro Afeccionado Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, un ciclo que inclúe catro funcións que terán, coma sempre, carácter solidario. Nesta ocasión, a entidade decidiu sumarse á gran homenaxe que se lle quere render a Plácido Betanzos, polo que recadará donativos para sufragar o monumento que contribuirá a perpetuar a memoria do escritor falecido no pasado mes de xuño.

«Despois de ter colaborado no pasado con colectivos como a Cruz Vermella, Cáritas ou a asociación contra o cancro, nesta ocasión decidimos sumarnos ao movemento cidadá que pide unha rúa en Palmeira para Plácido e que quere erguer un monumento na súa memoria», explicou a presidenta da asociación de Aguiño, Elvira Pisos.

As persoas que o desexen poderán deixar os seus donativos coincidindo con cada unha das catro montaxes que integran esta mostra. A primeira terá lugar o día 3 de novembro, da man de Cantiagas da Terra, compañía que poñerá en escena a comedia Un caso complicado. O 10 collerá o relevo Culturactiva, que presentará Dous no camiño, unha obra dirixida por Avelino González que situará sobre as táboas a dous rostros coñecidos: Fran Rei e Isabel Risco.

Desde Boiro

A asociación Francisco Lorenzo quixo contar nesta ocasión cunha compañía da comarca. Desde Boiro sumarase ao ciclo teatral, o día 17, Teatro do Improvisto. O elenco que dirixe Gustavo G. Dieste deleitará ao público con A memoria das rosas, un espectáculo creado polos propios actores da agrupación, que se mergullan nas súas vivencias e recordos.

Para poñerlle o colofón ao ciclo, a entidade recorreu a un grupo de sobra coñecido, A Pombiña, que regresará á localidade o 24 con Reinserción, cunha muller que empeza a traballar aos 60 anos como protagonista.