800 anos en seis horas

Carlos Henrique Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIBEIRA

23 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que rematan as verbenas do verán é momento de facer balance, tamén de reflexionar a fondo sobre as consecuencias das festas multitudinarias no patrimonio cultural e natural. Se ben sempre se celebraron festas populares, as dimensións dos palcos e das propias aglomeracións non afectaban ao lugar no que se celebraban. As características actuais de determinados palcos de orquestras e todo o que acontece arredor cambian bastante as cousas, e remítome ás últimas agresións publicadas: cruceiros tronzados e árbores cortadas, fundamentalmente, e poden chegar á ducia de accidentes Estivemos a piques de botar abaixo os 800 anos que tén o cruceiro máis antigo de Galicia (século XIV) na verbena de Melide que durou apenas seis horas.

Coa lei de espectáculos públicos e a lei do patrimonio cultural galegas, quedan delimitadas perfectamente as competencias e a seguridade do patrimonio. Tanto os palcos das orquestras como o ámbito da festa teñen que separarse 20 metros de calquera ben patrimonial ou contar coa autorización da dirección xeral de patrimonio. É o alcalde o máximo responsable de que os técnicos municipais comproben estes pormenores, pero son as comisións de festas as responsables da planificación. Nin un nin os outros poden esquivar as súas responsabilidades que poden chegar a ser penais se afectan a determinados bens. Se queremos ser un pobo intelixente e consciente non podemos poñer en risco a nosa memoria e a nosa historia por un divertimento de varias horas. Sobran lugares nos que facer as verbenas sen ser na contorna dun ben cultural ou natural de séculos.