Alfonso Mera: «É importante rezar, pero tamén falar»

O párroco de Ribeira aborda as que serán as súas primeiras festas patronais


Ribeira / La Voz

Hai case un ano que Alfonso Mera chegou á cidade para facerse cargo da parroquia de Santa Uxía, así que estas están a ser as súas primeiras festas patronais. Hoxe conmemórase o día grande das celebracións, e nas horas previas o cura non ocultaba certo nerviosismo ante a súa estrea en Ribeira.

-Estas son as súas primeiras celebracións de Santa Uxía como titular da parroquia, ¿como as está a vivir?

-Ben, un pouco apurado todo porque ao ser as primeiras festas nas que estou involucrado un sempre quere facer todo o mellor posible. Como é a primeira vez e non sei moi ben como se viviron estas festas outros anos, trato de escoitar á xente e deixarme guiar un pouco. Non é festivo local e iso afecta moito, vívense as celebracións ben, pero parece que falta algo.

-Este ano houbo unha grande implicación por parte da parroquia na organización.

-Si, tanto por parte do grupo de catequistas como da Asociación de Amas de Casa e Alfaia, que aínda que esta vez non participa, noutras ocasións si que colabora con nós. E tamén axudan persoas que a título particular se ofrecen a botar unha man ou fan as súas propostas.

- ¿Hai algunha novidade no día da patroa deste ano na parte que lle compete?

-Este ano, ao acabar a misa e a procesión, haberá un pincho para todo mundo, co fin de estar todos xuntos e falar. Porque non só rezamos. É importante rezar, pero tamén falar.

-¿Que agarda vostede destas celebracións?

-Dunhas festas patronais sempre espero que axuden a ter unha maior cohesión entre as persoas, unha maior comuñón entre a xente en igualdade, sen títulos nin protagonismos. É un momento para que todos nos sintamos un, é unha festa especial, máis familiar que outro tipo de celebracións.

-¿Transmitiralle iso aos seus fregueses?

-Si, creo que este é un día como máis familiar, de compartir; se cadra estas festas patronais non teñen ese carácter tan lúdico que poden tres outras celebracións.

-Dicía antes que o feito de que o día de Santa Uxía non sexa festivo local se nota, ¿gustaríalle que iso cambiara?

-Si, e pedirei que así sexa. Non me corresponde a min decidilo, claro, pero dalgún xeito si quero reivindicar que o día da patroa sexa festivo local, non en detrimento de ninguén, porque todas as festas son importantes e todos temos que apoialas, pero que Santa Uxía deixara de ser festivo dóeme un pouco, sobre todo polas xeracións que pasaron ao longo dos anos e que fixeron que perdurara.

Unha ruada dará inicio á xornada na honra da patroa (Programa de hoxe)

Despois das actividades da fin de semana, Ribeira homenaxea hoxe á súa patroa con actividades ao longo de todo o día que comezarán xa de mañá cunha ruada (ás 10.00) a cargo do grupo tradicional Arume.

Ás 12.00 horas, os devotos de Santa Uxía están citados na igrexa ribeirense para a misa solemne cantada pola Coral Polifónica Municipal de Ribeira, trala que sairá a procesión acompañada da Banda de Música OJE de Ferrol e as cantareiras de Aires do Barbanza. Ámbalas dúas formacións actuarán no Adro da igrexa a partir das 13.15, e servirase tamén un pincho. Pola tarde, o Mago Xacobe ten unha cita na Porta do Sol (18.00), e Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero ofrecerán un concerto (19.00). Haberá de novo misa solemne ás 20.30, mentres que a orquestra Platinum iniciará a verbena ás 22.00 horas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Tags
Comentarios

Alfonso Mera: «É importante rezar, pero tamén falar»