A singradura comeza con Quico Cadaval e Os Reventapistóns

La Voz

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Unha caravana de motos percorrerá o municipio para anunciar a subida da gran marea en Ribeira

18 jul 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

Hoxe • 17.00 horas • Ribeira • O dramaturgo Quico Cadaval exercerá de mestre de cerimonias no arranque oficial da singradura número 70 (Porta do Sol, 23.15 horas), que terá lugar despois de que o facho dorneiro percorra as rúas da cidade da man dos Corsarios. Pero antes, membros do club Os Reventapistóns anunciarán o arranque da festa percorrendo as diferentes parroquias de Ribeira. Está previsto que a caravana de motos comece a ruxir ás 17.00 horas.

 

Para esta primeira xornada festiva hai programadas outras actividades, entre as que destacan a competición de camareiros (parque García Bayón, 18.30 horas) e a macroqueimada (Porta do Sol, 23.30). A música correrá a cargo de Brigada Bravo Díaz, un grupo formado pola zanfona de Germán Díaz e a guitarra de Antonio Bravo que actuará ás 20.30, e Deteriorados, unha banda con compoñentes de diferentes idades, que forma parte dun proxecto interxeracional da USC.

 

Cidade engalanada

Aínda que a gran marea subirá esta tarde en Ribeira, para manter a cidade asolagada ata o vindeiro martes, o ambiente dorneiro xa empezou onte a invadir as rúas e as prazas. As 140 flores que ao longo das últimas semanas permaneceran expostas na casa consistorial, no centro de saúde e no hospital foron repartidas por diferentes recunchos de Santa Uxía.

Estes traballos foron realizados por colexios, asociacións e artistas da comarca, que interpretaron ao seu xeito o símbolo da Dorna para manter a cidade engalanada ao longo das festas.