O galego, unha lingua de xustiza

Unha placa no edificio dos xulgados lembra ás primeiras xuízas que ditaron sentenzas no idioma de Galicia

.

Ribeira / la voz

O pasado 15 de xuño cumpríronse 35 anos da publicación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia, un decreto que tiña como obxectivo «normalizar a situación do idioma galego tanto na súa situación legal como no seu uso». A intención era que a lingua da comunidade se empregara en todos os ámbitos, pero en Ribeira tiveron que pasar 14 anos -ata 1997- para que se utilizara nunha sentenza. A xuíza Ana López-Suevos abriría o camiño que logo seguiría a súa compañeira Isabel Suárez no 2008, e ambas as dúas precursoras serán recordadas cunha placa que desde onte colga dunha parede dos xulgados.

As homenaxeadas non puideron asistir ao acto que se lles rendeu, «porque están de garda», como explicou José González, secretario da Irmandade Xurídica Galega, quen quixo destacar o labor «destas xuízas que tiveron a elegancia intelectual de empregar no seu traballo a lingua que maioritariamente fala o país, algo que é de xustiza».

Tamén participou a avogada ribeirense Manuela Sobrido, que fixo un percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional, na que se viu abocada a deixar un pouco de lado a lingua de Castelao, tanto nos seus anos na escola como na facultade e na primeira etapa da súa vida laboral, para logo retomar o seu emprego con máis forza.

«Hai que contribuír a que deixe de ser unha anormalidade utilizar o galego na vida xudicial», apuntou Sobrido, quen quixo desbotar a idea de que «en Galicia a xente con éxito non o usa, algo que non é certo». A letrada acabou a súa intervención reivindicando que «a nosa lingua é de lei», un punto no que tamén coincidiu co seu compañeiro Luís Fajardo, quen quixo agradecer o gran traballo «da xente do pobo por conservar o idioma propio ao longo de moitos séculos». Ademais, pediu aos compañeiros dos xulgados que aposten por empregar a lingua da comunidade cada vez máis.

Pasos cara adiante

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tamén fixo fincapé neste sentido. Recordou que se están poñendo en marcha novas ferramentas que permiten o emprego da fala na vida xudicial. «Estamos dando pasos, pero dependemos da intención e da actitude dos operadores xudiciais para poder seguir avanzando». O representante autonómico quixo lembrar que unha das sentenzas con máis repercusión dos últimos anos, a do Prestige, foi ditada en galego, «algo que pasou case desapercibido, pero cando un fallo xudicial desa magnitude pode ir en galego, calquera outro tamén o pode facer».

Antes de descubrir a placa conmemorativa, tomou a palabra o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, quen fixo un discurso a favor do emprego da fala propia en todos os ámbitos da vida pública. Explicou que ninguén pensa hoxe en día que o castelán está en perigo de desaparecer, e que por iso hai que apostar polo idioma de Galicia, «unha comunidade que sen a súa lingua sería unha cousa moi diferente».

Por último, invitou a reflexionar sobre a celebración dese acto, «xa que hai que pensar que non pode ser algo inusual empregar a nosa lingua no noso país».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Tags
Comentarios

O galego, unha lingua de xustiza