«Emitir sentenzas en galego foi unha decisión que marcou a miña traxectoria»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

paco rodriguez

Ana López-Suevos estreouse como xuíza en Ribeira e, xunto a María Isabel Suárez, ditou os primeiros autos na lingua vernácula

27 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Lei de Normalización Lingüística, de cuxa promulgación cúmprese agora o 35.º aniversario, establece que, a xuízo de parte, os interesados poderán solicitar dos tribunais que se diten resolucións en galego. Sen embargo, «ninguén demanda esta posibilidade», explica Xosé González, secretario da entidade Irmandade Xurídica Galega (Ixuga). Na súa opinión «esta é unha proba de que estamos nunha situación lamentable». O emprego do galego a nivel xudicial continúa sendo moi baixo, pero hai profesionais que abriron o camiño. Entre elas atópanse as maxistradas Ana López-Suevos Fraguela e María Isabel Suárez García, que ditaron as primeiras sentenzas en lingua vernácula do partido xudicial de Ribeira, constituído tralo real decreto de planta de 1989, que propiciou a eliminación dos denominados xulgados de distrito.

Para Ana López-Suevos, a capital do Barbanza foi o seu primeiro destino e o punto de partida do seu compromiso co idioma no ámbito xudicial. Afirma: «Decidín que ía traballar na lingua na que falaba habitualmente» e lembra que era consciente de que «supón un esforzo engadido porque toda a xurisprudencia está en castelán».

Foi, e continúa sendo, un camiño cheo de dificultades, pero a maxistrada, titular do Xulgado de Instrución número Un de Santiago, asegura: «Emitir sentenzas en galego foi unha decisión que marcou a miña traxectoria».

Precisamente, o 35.º aniversario da Lei de Normalización Lingüística serve á entidade Ixuga, presidida polo muradano Xoaquín Monteagudo Romero, para realizar nos xulgados de Ribeira un acto en lembranza das pioneiras María Isabel Suárez García, que exerce na actualidade no Xulgado de Primera Instancia de Arzúa, e Ana López-Suevos.

Apertura dun expediente

Ten razón a maxistrada compostelá cando afirma que ditar autos e sentenzas en galego marcou a súa traxectoria, porque, ademais de ter fama de ser unha gran instrutora, é coñecida por ser das poucas que emprega a lingua autóctona nas súas resolucións.

Tamén o fala na sala de vistas, salvo que alguén lle indique que non o comprende. Precisamente, isto provocou, lembra, que nunha ocasión lle abrisen un expediente: «Cando estaba no Xulgado do Social recibín unha queixa e tiven que defenderme».

Non só iso, senón que explica: «Recibín descualificacións por escribir en galego». Os seus problemas non xurdiron cos administrados dos que asegura: «Son moi respectuosos», senón de profesionais foráneos que, indica: «Non son respectuosos cos que falamos en galego. Eu non teño porque saber se unha persoa é de fóra e non me entende, salvo que mo indique».

Boa lembranza de Santa Uxía

Sen embargo, ningún destes negativos feitos aconteceu durante o seu paso por Ribeira, onde se fixo cargo do Xulgado de Instrución número 3, creado pouco antes da súa chegada.

Ana López-Suevos manifesta que ten «un recordo marabilloso de Ribeira. Era algo novo, pero aceptárono con normalidade e mostráronme o seu apoio. Nunca tiven ningún problema». Na capital do Barbanza desenvolveu a súa actividade entre 1997 e o ano 2000, para marchar despois a Compostela.

En Santiago, con motivo da festividade do patrón da avogacía, San Raimundo de Peñafort, Ana López-Suevos recibiu o pasado ano a medalla de ouro pola súa dilatada traxectoria profesional e polo seu labor en favor da normalización do uso da lingua autóctona na xustiza.

Como afirma a maxistrada, continúa resultando moi complicado facer xustiza en galego: «Porque todo o sistema informático está en castelán e hai cousas que funcionan mediante modelos. Só está en galego o que escriben os xuíces. Eu lembreille á Xunta de Galicia a necesidade de cambiar iso».

Tamén é unha reivindicación da Ixuga, como explica o seu secretario, Xosé González: «O programa informático Minerva impide que se realice unha actividade xudicial en galego. Iso tamén o reivindicamos ás Administracións, pero parece que non existe demasiado interese en cambiar as cousas».

O colectivo Irmandade Xurídica Galega pretende mudar este tipo de cousas e conseguir, co apoio de todos, que se valore a importancia do uso do galego no ámbito xudicial, porque así está previsto na lei.

Unha placa lembrará no xulgado ribeirense ás dúas precursoras

A partir deste venres, unha placa lembrará no xulgado de Ribeira as maxistradas Ana López-Suevos e María Isabel Suárez como as que ditaron as primeiras sentenzas en galego. Trátase dun acto organizado pola Irmandade Xurídica Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e co Concello.

O acto terá lugar ás 12.00 horas e ao mesmo está prevista a asistencia do presidente de Ixuga, Xoaquín Monteagudo; da maxistrada María Isabel Suárez, dos letrados Luis Fajardo e Manuela Sobrido, do alcalde, Manuel Ruiz, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Durante a súa celebración tamén se procederá á firma, por parte dos rexedores de Ribeira, Boiro e A Pobra, así como de Monteagudo e Valentín García, dunha declaración na que os concellos comprométense a liderar o proceso de normalización lingüística no ámbito local e no eido das actividades administrativas e das profesións xurídicas.

Os compromisos

No documento, os asinantes tamén manifestan a súa intención de elaborar en galego as escrituras públicas e os documentos administrativos e privados, así como as inscricións nos rexistros públicos que promovan ou nos que interveñan

Outro ámbito de actuación será a incorporación do galego como lingua habitual de traballo das forzas da Policía Local.

Actos como o que o venres levará a cabo Ixuga en Galicia estanse a desenvolver en diversas localidades. En breve está previsto que se realicen na Estrada e en Carballo.