Ribeira enxalza aos seus escritores

La Voz

RIBEIRA

carmela queijeiro

O encontro promovido pola Federación de Libreiros arrancou con palabras para Plácido Betanzos

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o domingo?•?Praza do Concello de Ribeira•?De 12.00 a 14.00 e entre as 18.00 e as 22.00 horas?• Ten como obxectivo principal achegar a literatura á xente da rúa, pero a Feira do Libro que onte arrancou en Ribeira persegue unha segunda finalidade: enxalzar aos escritores locais. E, entre elas, cobrará unha importancia especial Plácido Betanzos. De momento, no acto de apertura da cita, as persoas que interviñeron tiveron palabras para o autor e mestre falecido recentemente, aproveitando para emprazar aos presentes para o domingo, cando se lle renderá homenaxe como peche da feira.

«Esta é unha ocasión magnífica para lembrar a un mestre que tanto fixo pola cultura do país», comentou Goretti Sanmartín, a vicepresidenta da Deputación coruñesa. Ela cualificou a cita que onte comezou en Ribeira como «unha festa na que os libros saen á rúa e os autores se atopan co público».

Ratificou estas palabras Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Cultura: «Hai que recoñecer o esforzo que fan os libreiros e tamén é importante que estas feiras se recoñeza o traballo de veciños que xogaron un papel importante na cultura local, como é o caso de Plácido Betanzos».

Nun acto que contou coa presenza de Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, e de Manuel Ruiz, rexedor local, a escritora Paula Carballeira exerceu de pregoeira. Puxo ao público a cantar e tamén a adiviñar títulos de coñecidos libros antes de desexar un novo éxito para a Feira do Libro de Ribeira.

Programa de hoxe

A gran festas da literatura continúa hoxe en Ribeira coa apertura das casetas e tamén con novas propostas. Ás 18.00 horas terá lugar Libros comestibles con mensaxe, unha actividade infantil na que participará a cociñeira Tomasa; e ás 20.00 horas, será o escritor local José Vicente Domínguez o que tome a palabra na Praza do Concello para presentar ¿Por qué maltratas tu planeta? Pechará a xornada un coloquio ao que está previsto que se sumen Antonio Tizón, Francisco Sánchez Fraga e Xosé Antonio Ventoso.