O legado de Plácido Betanzos perdurará cun aula no Leliadoura

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

carmela queijeiro

Un emotivo acto ao que asistiu a viúva do mestre precedeu ao descubrimento dunha placa co seu nome

19 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«O noso querido amigo e profesor que non só impartía clases, senón leccións de vida e amor», afirmou a estudante Iria Gude; «Soubo ensinarnos a dar amor e a ser queridos», dixo a súa compañeira María Lojo; «Fíxonos mellores persoas», asegurou Moira González. As súas verbas emocionadas foron o preludio do descubrimento dunha placa que permitirá que o legado do mestre Plácido Betanzos perdure no instituto Leliadoura de Ribeira máis alá das promocións de alumnos e dos cambios docentes.

Nun corredor ateigado de estudantes e mestres, bastaba con miralos aos ollos para percibir a emoción por ter conseguido un tributo que consideran xusto e xustificado. Asegurou o director, José María Bey, que a iniciativa de dedicarlle un aula a Plácido Betanzos partiu dos mozos de primeiro de bacharelato «que presentaron unha chea de firmas. Non lembro unha solicitude que aceptara con tanto agrado, e mesmo os docentes tamén a asinaron». Explicou que tanto o claustro como o consello escolar aprobaron por unanimidade a proposta.

No acto tamén estiveron presentes a viúva de Plácido Betanzos, María del Carmen Neira, e a súa curmá, Carmen García, quen interveu para lembrar que o mestre falaba con moita frecuencia dos seus «chicos e chicas» e que adoraba o ensino porque consideraba que era unha tarefa nobre porque permitía formar en valores. «Creo que é o que sementou en todos vós. A nosa obriga é profundar na súa memoria e nos valores que nos transmitiu».

Carmen García doulles as grazas polas súas cartas e polas súas visitas durante a enfermidade: «Foron a mellor medicina. Imposible esquecer as vosas bágoas levando o féretro».

Tamén os concelleiros do goberno Víctor Reiriz e Emilio Pérez Outeiral, así como os sindicalistas Xan García e Xan Bautista acudiron á homenaxe.

Mural co seu rostro

A aula de informática non será a única testemuña que perdurará do paso de Plácido Betanzos polo instituto Leliadoura. Na fachada do edificio, un mural sobre as mulleres e a súa loita tamén será referente do legado formativo do mestre.

Oito alumnas de cuarto de ESO, baixo a dirección da mestra de plástica, Pura Villar, afanábanse onte en realizar a composición. Foron elas as que propuxeron a inclusión do rostro de Plácido Betanzos coa frase «grazas por loitar por nós».

Con rostros felices e sen deixar de pintar, Marta Lijó, Silvia Ageitos, Fayna Andrade, Sara Fernández, Lucía Puebla, Naima El Gargari, Victoria Petrovich e Paula Martínez imprimían pinceladas cargadas de sentimento e de valores.