A memoria de Plácido non se borra

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

O Leliadoura pon o nome do profesor a unha aula e vanse recoller firmas para que se lle dedique unha rúa

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se cumpre unha semana do pasamento de Plácido Betanzos García, exconcelleiro de Ribeira, profesor e escritor, a súa memoria permanece e sucédense as iniciativas para que se manteña no tempo, como ocorre no instituto Leliadoura de Ribeira, onde exerceu a docencia ata a súa xubilación. A aula na que ensinaba pasará a ter o seu nome, a raíz dunha iniciativa que partiu do alumnado o pasado luns.

Segundo explicou a xefa de estudos do Leliadoura, Carina Sánchez, na primeira xornada lectiva tralo falecemento de Plácido, a tristeza era evidente no centro educativo, especialmente entre os alumnos dos cursos superiores, que foron os que o tiveron de profesor, polo que, o mesmo luns, optouse por convocar un acto de homenaxe de 10 minutos no primeiro recreo, para que quen quixera fixera unha exposición. Sánchez asegura que as intervencións foron moi emotivas, e, ao remate da xornada, presentaron un escrito avalado por un feixe de firmas pedindo que a coñecida como aula dos ratos, chamada así porque nela están os ordenadores, recibise o nome de Plácido. Dito e feito, e xa está encargada unha placa.

Iniciativa popular

Por outra banda, tamén se está a poñer en marcha unha recollida de sinaturas por todo o Concello, co fin de que lle sexa dedicada unha rúa en Palmeira. A idea da iniciativa é repartir impresos por distintos lugares coa intención de que a xente que o desexe poda sumarse á proposta.

Os impulsores desta outra homenaxe popular pretenden xuntar o número suficiente de apoios para entregalos no Concello de Ribeira co obxectivo de que a corporación municipal se pronuncie sobre a proposta.