Plácido Betanzos: O valedor da ética e do compromiso

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Gañouse o afecto de persoas de moi diverso signo co seu talante próximo e respectuoso

04 jun 2018 . Actualizado a las 11:43 h.

Mestre, político e escritor, Plácido Betanzos García foi, ante todo, un home comprometido, leal e íntegro. Optimista por natureza, gustáballe o trato próximo coa xente, defendendo as súas ideas sempre dende o respecto. Ese talante aberto, a súa predisposición para buscar o diálogo, para facer amigos onde outros verían a un adversario, fixo que se gañase o afecto de persoas de moi diverso signo. Nacionalista de sentimento, nunca permitiu que iso se interpuxese á hora de atopar a un compañeiro nas filas doutros partidos ou de recoñecer a valía dos seus «contrincantes políticos», como acostumaba a chamalos con cariño durante a súa etapa de voceiro do BNG na corporación de Ribeira.

Nado en Palmeira hai 65 anos, Plácido Betanzos exerceu como profesor de Tecnoloxía no IES Leliadoura, pero para os seus alumnos foi máis que un mestre, foi un amigo, alguén disposto a escoitar para axudalos a superar as dificultades que atopaban no camiño, ou con quen compartir os éxitos.

Andaina política

A mesma determinación que o caracterizou na vida docente aplicouna na súa etapa política. Comezou colaborando co BNG para, en 1991, ingresar como independente e ser o número dous da candidatura ás municipais liderada por Mariano Vidal. A dimisión deste último, un ano despois, converteuno inesperadamente en voceiro do BNG durante unha década, unha etapa na que a formación foi de menos a máis, adquirindo protagonismo e maior visibilidade.

Nos plenos, Plácido Betanzos defendía con vehemencia as posturas do seu partido, pero sempre soubo dar o brazo a torcer cando o que estaba en xogo era o interese xeral dos veciños. Para este home bo e xeneroso, as prioridades da vida sempre estiveron claras.

Tras ser o candidato á alcaldía nos comicios locais de 1995 e 1999, Betanzos anunciou no 2002 que non habería unha terceira vez. Nese momento, o BNG tiña catro concelleiros. Deixou a primeira fila argumentando motivos persoais, pero sempre estivo ao carón do partido.

O seu falecemento, acontecido a noite do sábado, deixa un fondo pesar, porque Plácido Betanzos era ese home que sempre che saudaba cun sorriso, cunha aperta sincera.

O seu eterno compromiso coa sociedade tamén tivo un fiel reflexo na súa traxectoria como escritor. A súa primeira novela, Coiteladas na alma, trata o problema da emigración e do exilio. No 2016 publicou outra obra apegada á realidade, Bágoas na chuvia, coa que «pretendo facer visibles aspectos da vida de moitas persoas que non saen á luz», afirmou nunha entrevista concedida a este xornal.

Desde que se tivo coñecemento da súa morte, as redes sociais son testemuña do baleiro que deixa a súa partida. A entidade Francisco Lorenzo Mariño asegura que marcha «unha desas persoas únicas e verdadeiras que enriquecen a humanidade».

En decembro do pasado ano, os seus compañeiros do Leliadoura tributáronlle unha festa con motivo da súa xubilación e, onte, o vídeo cun rap titulado Plácido, e feito por exalumnos a raíz da súa marcha da docencia, volvía estar de plena actualidade. Nel pódense escoitar verbas como «ensinaches a ser homes a uns nenos inconscientes». Tamén o BNG afirmaba «non nos deixa, pois o seu legado permanece e perdurará», ao tempo que destacaba o seu compromiso.

Os restos mortais de Plácido Betanzos García serán incinerados hoxe. A comitiva fúnebre sairá ás cinco da tarde do tanatorio de Los Dolores cara a igrexa de Palmeira, onde terá lugar un funeral de corpo presente.

 

Os derradeiros artigos de Plácido Betanzos publicados en La Voz de Galicia