O traballo máis humano de Chamaquito

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

cedida

O cantautor ribeirense recorreu a vivencias e experiencias persoais para o seu terceiro disco

07 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecido antigamente como Ollomol e, nos últimos anos, como Chamaquito Pistolas, o cantautor ribeirense Fernando Pérez está a piques de lanzar ao mercado o que será o seu terceiro disco. Esta mesma semana regresará á súa terra galega para presentar un proxecto que xermolou e madurou en Madrid, a onde o artista marchou para medrar profesionalmente. Volve co que, segundo el mesmo afirma, é o seu traballo máis persoal. Mantendo o ton de crítica social que o caracteriza, sacou todo o que levaba dentro para darlle forma a Humano.

Son sete os temas que compoñen o novo traballo de Chamaquito Pistolas: «Son todas cancións miñas que foron xurdindo nos últimos anos. Algunhas son recentes e outras foron rescatadas do caixón», comenta o cantautor ribeirense xusto antes de entrar a explicar as dúas vertentes que ten ese nome elixido para o disco.

As historias

A primeira está relacionada cun dos títulos que integran o traballo: «Asistín a un curso na sala Libertad 8 de Madrid, no que un dos requisitos era estrear unha canción. Compuxen un tema introspectivo, relativo aos últimos anos da miña vida, que tivo moi boa acollida. Foi o que lle acabou dando nome ao disco e mesmo ao redor do que xira todo o proxecto». A segunda ten que ver coa temática que constitúe o eixe deste proxecto: «Son distintos pensamentos e experiencias que mesmo expresan como pode ir cambiando a forma de pensar».

Da época de Ollomol, e mesmo dos anos nos que Fernando Pérez formou parte da Compañía do Ruído de Suso Bello, Chamaquito Pistolas conservou para Humano o ton crítico: «Nas letras segue habendo una parte social, na que me decato de que estou metido nun sistema inxusto, do que non son quen de saír». A nivel musical, o cantautor ribeirense si que racha co pasado neste terceiro traballo: «Conservo a banda que sempre me acompañou, Las Balas Perdidas, pero xogamos con instrumentos novos e empregamos un proceso de gravación diferente, con todo o grupo tocando de forma conxunta no estudo. Penso que, deste xeito, o disco ten moita máis forza».

Na música desde cativo

Con Humano, o artista ribeirense culmina o traballo que vén realizando desde que marchou para Madrid, alá polo 2010. Daquela, despois de levar involucrado no eido musical desde os 5 anos, cando empezou a tocar a guitarra, Fernando Pérez decidiu buscar o seu verdadeiro camiño: «Tiña que coller outra senda, osixenar, escoitar música nova e vivir outras experiencias. Decidinme por Madrid e acertei, xa que aquí está collendo forza o mundo dos cantautores e é importante vivir este proceso en primeira persoa». Explica, de feito, que marchou coa idea na mente de pasar alí un mes e medio, pero o regreso definitivo non entra de momento nos seus plans.

Si haberá unha volta temporal, para arrancar unha xira que o levará por distintos lugares da xeografía española. Vitoria, Ponferrada, Oviedo e tamén Madrid xa forman parte dunha axenda que espera seguir enchendo de citas. O ribeirense sabe que por diante ten un duro camiño: «Este é un disco autoproducido. Detrás non hai unha gran discográfica, así que hai que ir pouco a pouco. Temos que darnos a coñecer e estar na estrada, aínda que ás veces non se cubran nin os gastos. O importante é sentirse vivo».

Na música desde cativo

Das súas palabras despréndese unha paixón pola música que el se encarga de confirmar á hora de falar do futuro, do que virá despois do venres, día no que Humano chegará ás plataformas de Internet e mesmo se poderá adquirir en formato físico, con algunha sorpresa incluída. «Levo moitos anos nisto, vivindo como se pode, e a idea é continuar, polo menos ata que a cabeza aguante. Mentres haxa cousas que contar, aquí estarei», afirma o ribeirense. Está claro que este home non se vai render.