Ano novo, prezos novos

Juan Ordóñez Buela DESDE FÓRA

RIBEIRA

06 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O IPC (índice de prezos de consumo) caeu ata o dous por cento e o prezo do petróleo se sitúa en baixo mínimos. En cambio, aos cidadáns sóbennos unha miseria por centro os transportes públicos, as autoestradas, a luz e unha infinidade de produtos e servizos de primeira necesidade. Casualmente, todas elas son subidas promovidas polas distintas Administracións ou aplicadas directamente por empresas públicas.

Namentres, a xente vai ao paro e os traballadores non deixamos de perder poder adquisitivo, sendo cada vez máis difícil chegar a fin de mes. Os numerosos impostos asfixiannos e a mocidade é explotada por empresarios desaprensivos.

¿Como se xustifican estas subidas tan espectaculares dos prezos a principios de ano? Somos unha cidadanía aletargada e resignada, xa que non respondemos a tantos abusos. E, doutra banda, destínanse millóns de millóns de euros a tapar os buracos que uns respectables desalmados provocaron en beneficio dos de sempre.

Di o chiste que hai dous pesimistas tomando unha cunca de café medio baleira nun bar e que un lle pregunta ao outro, coa angustia que require o caso: «¿E se veñen e nos quitan o bailado?». Sabemos os optimistas que iso non vai a ocorrer, e o que se bailou, bailado está.

Sabemos, ademais, que veñen tempos peores. ¿Por que? Porque van subir os prezos das cousas básicas, é dicir, de cousas que usamos e necesitamos a diario as persoas correntes e molientes, e van subir, xa o sabemos de antemán, por encima do IPC.

Comeza ben este ano 2018. E, para celebralo, aquí vai outro chiste. Esta vez vai dun reo que está no corredor da morte un luns cedo pola mañá. Cando se atopa de camiño cara o patíbulo sinala: «Pois si que empezou ben a semana, ¿eh?».