A última travesía de José de Cruxeiras

RIBEIRA

17 dic 2017 . Actualizado a las 12:19 h.

Todos sabemos que o paso por este mundo é efémero, pero nunca estaremos preparados nin para marchar nin para despedir á xente á que queremos, especialmente a esas persoas coas que a vida che vai levando a atopar e que se incorporan ao persoal álbum da túa admiración. A min pasoume con José de Cruxeiras, ao que coñecín non hai moitos anos, pero co que fun trabando unha relación da que me sinto satisfeito polo moito que puiden aprender del, eu que me propuxen ser alumno permanente de todos cantos mestres tivera a oportunidade de cruzarme na miña andaina vital.

José era amigo de contar como, sendo neno, colleu a maleta para facerse a si mesmo lonxe da súa terra, a onde marchaban os mozos da contorna de Porto do Son para embarcarse en pesqueiros do País Vasco, como se veu obrigado a cambiar as vistas do mar de Basoñas polas do Cantábrico, forzado a vivir nas circunstancias que daquela eran as que había. A súa vea emprendedora impediulle conformarse con ser un mariñeiro e foi subindo chanzos ata converterse en armador e, nos últimos tempos, a capitanear a venda directa das súas capturas nunha tenda en Ribeira.

Se hai unha cidade mariñeira, esa é Ribeira, e Ribeira tiña que ser o destino da súa vida, e alí estableceu o seu porto base vital, no alto de Cruxeiras, xunto á súa inseparable Pepita, coa que tivo catro fillos dos que sempre expresou o seu orgullo, e o seu porto base profesional, rodeado dos mellores armadores cos que aprendeu a ser un home de mar de contrastada solvencia, que lle valeu incluso para, por exemplo, ser comodoro do Náutico.

José de Cruxeiras era un fixo nos viños dos venres, un gran conversador e amigo dos seus amigos, aos que, desde onte, nos queda un baleiro que intentaremos tapar cos recordos das grandes tardes de longas sobremesas. A última travesía do seu corpo vai ser hoxe, ás 11.30, á que seguirá un funeral en Santa Uxía. Boa pesca, prezado José.