Lydia Fernández: «O gran reto é organizar o Encontro de Embarcacións Tradicionais»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

CARNMELA QUEIJEIRO

Anuncia un mandato de continuidade, buscando involucrar aos nenos e lograr o apoio da hostalaría

10 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non debe ser doado asumir a responsabilidade de capitanear unha asociación con sete décadas de historia, 1.300 socios e unha festa que reúne en cada edición a milleiros de persoas chegadas de toda Galicia e mesmo do exterior. Pero Lydia Fernández decidiu afrontalo. Ao seu favor xoga o apego que lle ten a unha celebración que forma parte das súas lembranzas desde que ten uso de razón. Ela é a cativa que aparece na mítica fotografía das Parruchiñas. Tiña só 3 anos. Desde entón, a Dorna figura marcada en vermello na súa axenda. Agora tócalle liderar a organización desde a Real e Ilustre Cofradía.

-Entrou a formar parte da directiva hai catro anos, coincidindo co regreso de Eduardo Iglesias. ¿Facía falla un xiro?

-Pensabamos que había potencial para que a festa medrara. De feito, ao longo deses catro anos, así foi. A celebración foi a máis tanto en participación de xente como en implicación. Aínda que hai que seguir dando pasos, tamén se conseguiron quitar etiquetas que tiña a festa, vinculadas á noite e ao alcol. Penso que todos os dorneiros teñen que estar agradecidos co traballo realizado polo anterior presidente, Narciso Fernández, pois a súa implicación persoal foi tremenda.

-A súa liña de traballo será entón de continuidade.

-Si, pensamos que quedan aínda materias pendentes e aspectos por mellorar.

-¿Cal é o gran reto?

-En canto á festa, queremos unha celebración para tódolos públicos e tódalas idades, para o que intensificaremos a coordinación con diferentes entidades. Pero, a nivel da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, o gran reto é organizar o Encontro de Embarcacións Tradicionais. Queremos que a vindeira edición, a número 14, se celebre en Ribeira, onde comezou hai 25 anos, precisamente da man da nosa entidade. Pero para iso precisamos o apoio do Concello e do tecido asociativo. Hai que ter en conta que participarían unhas 200 embarcacións e, só para empeza, precisariamos eses amarres.

-Demostran entón que as súas ambicións van máis alá da festa...

-Potenciar a cultura mariñeira sempre foi un dos obxectivos da Real e Ilustre, pero temos outras moitas ideas. Temos un plan para os colexios, que pasaría por engalanar a cidade con motivos realizados polos nenos, a partir da súa interpretación dos símbolos dorneiros. Aquí implicaríamos tamén ao comercio, buscando que luciran esas obras nos seus escaparates.

-¿Segue entón a loita por conseguir que o comercio e a hostalería se involucren?

-Teño que dicir que o comercio si se involucra, sobre todo tendo en conta que non é un beneficiario directo da festa. Dentro da hostalería hai de todo, pero si que nos gustaría máis colaboración, pois que veña xente a Ribeira repercute nos bares. Pero non falo só do aspecto económico, senón que percibimos falla de colaboración incluso a nivel loxístico, de negocios que na pasada edición da festa non retiraron as terrazas das prazas nas que situamos algúns concertos.

-¿A que atribúe a Real e Ilustre esa falla de sintonía?

-A única explicación que lle vexo é que os hostaleiros vexan a festa coma un gasto e non coma un investimento que tamén lles axuda a xerar beneficios. Non atopo outra xustificación.

«A axuda do Concello non é proporcional aos resultados»

Aínda quedan sete meses para que a marea dorneira asolague novamente Ribeira, pero Lydia Fernández e o seu equipo de colaboradores, integrado por unhas corenta persoas, xa están a traballar nun programa que sempre aspira a medrar.

-¿Está previsto algún cambio no programa para a vindeira edición da Dorna?

-En principio, a estrutura será similar, pero si que consideramos que o programa do ano pasado foi moi concentrado, con tódalas actividades en seis días, polo que este ano ampliaremos o número de xornadas e seguro que pensamos en algunha proposta diferente.

-A nivel persoal, ¿cal é a súa predilección?

-Teño que dicir que o proxecto cos colexios me gusta, porque quero ver gozar da festa a xente de tódalas idades, pero tamén me atrae o plan de integración que temos en marcha con entidades como Ambar, A Creba e o centro de día de Agadea, que queremos manter e intensificar.

-A festa medrou nas últimas edicións e tamén foi a máis o orzamento, ¿como se conseguen os fondos?

-Neste eido fíxose un esforzo moi grande e tocamos a tódalas portas. Tanto as achegas das Administracións públicas como as das grandes empresas e do comercio medraron, sendo as da hostalaría as únicas que se manteñen nas mesmas cifras. Aínda así, a axuda do Concello non é proporcional aos resultados obtidos, cremos que é insuficiente tendo en conta a cantidade de persoas que reúne a Dorna.

-Pero a sintonía co Concello mellorou, ata o punto de que o alcalde puxo a Dorna como exemplo a seguir...

-Un dos logros dos que máis satisfeitos estamos é de ter conseguido que a festa invada todo o casco urbano e creo que é a iso ao que se refire o alcalde. E tamén a accións que van máis alá da festa, coma os murais que decoran a cidade.

-E as peñas, ¿implícanse o suficiente na organización?

-Conseguiuse espertar de novo a implicación das peñas, pero hai que impulsala aínda máis. A esencia da festa son as actividades promovidas por elas, doutro xeito, morrería.

-A excesiva organización e o control foron nos últimos tempos as principais críticas dos opositores, ¿como as valora?

-É certo que cada vez está todo máis organizado, pero é algo necesario. Se en cada edición hai máis xente hai que exercer un maior control sobre aspectos como a seguridade e a organización. Se isto falla, a festa pode acabar morrendo de éxito.