Suso Silva: «Agora falan de nós, antes eramos case descoñecidos»

RIBEIRA

MARCOS CREO

A entidade ribeirense pechou un ano cheo de éxitos, pero aínda quere superalos na vindeira tempada

18 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Silva (Ribeira, 1987) non para. No Club de Remo Náutico de Ribeira fai as funcións de presidente e adestrador, e aínda sen recuperarse do final da tempada que acaba de rematar, xa está traballando no comezo da seguinte. Ademais, tivo tempo de saborear os éxitos do seu equipo durante a última campaña e de comprobar que os logros non pasaron desapercibidos na capital de Barbanza. As xestas das remeiras nas competicións de traiñeiras puxeron o nome da entidade ribeirense no máis alto do panorama autonómico e nacional deste deporte, pero tamén axudaron os títulos e as medallas logradas noutras disciplinas.

-Comecemos a falar do máis recente. Pasado xa un tempo, ¿a que sabe o terceiro posto na Bandeira da Concha?

-Para nós é como unha vitoria. Estando alí, un afeccionado de Orio díxonos que as nosas rapazas eran as primeiras das mortais, xa que se mediron a remeiras que adestran todo o ano para esta competición. Foi a guinda ao pastel, unha gran recompensa tras todo o traballo feito.

-E o fixeron despois de arrasar na liga de traiñeiras galega, ¿esperaban ser tan superiores?

-Nun primeiro momento non tanto, pero sabiamos que tiñamos un barco que corría ben. Nós puxemos uns obxectivos ambiciosos para ir a por eles, que eran gañar en Galicia e ir á Concha. É certo que pensabamos que ía custar máis do que custou. Chegamos á primeira regata con tres días de adestramentos, os que nos puidemos xuntar para saír ao mar a practicar.

-¿Hai intención de manter o acordo con Mecos a vindeira campaña?

-A día de hoxe, pola nosa parte non habería problema. Nós intentaremos manter o bloque e buscar máis remeiras de cara a próxima tempada. Cando cheguemos a marzo ou abril sentarémonos a falar.

-Suponse que o ideal sería ter un equipo de traiñeiras propio. ¿Considera que é factible?

-Na parte de atopar deportistas non o vexo imposible, pero a cuestión económica fai que o sexa. A razón de xuntarse con Mecos foi por afrontar os gastos a medias. Para conseguir remeiras poderiamos facer un esforzo, pero de cartos estamos mal.

-¿Nin os bos resultados axudan a abrir as portas para lograr máis diñeiro?

-Está claro que cando estás arriba e gañas títulos é máis fácil que che reciban para falar. Agora falan de nós, antes eramos case descoñecidos.

-Parece que as rapazas son as protagonistas na categoría sénior, ¿ocorre o mesmo na base?

-Temos o mesmo número de rapaces que de rapazas; nas categorías inferiores o número está equilibrado. Ter unha traiñeira masculina é complicado, xa que nese apartado hai moita oferta na zona. Temos que empezar nós desde a base. A referencia do equipo feminino axuda para tirar da xente nova. Este ano intentaremos sacar á competición todas as categorías, pero aínda é cedo para aseguralo.

-Tamén en bateis e trainerillas tiveron grandes resultados. ¿Como valora a tempada?

-Ata a data, é a nosa mellor campaña como club. Gañamos a primeira bandeira en Ares. En bateis, as remeiras absolutas conseguiron o campionato galego e a medalla de prata no de España, e as xuvenís fixeron un terceiro posto no autonómico. Tamén foi boa en trainerillas, coas rapazas sendo subcampionas galegas e nacionais.

-Este ano estivo cheo de éxitos, ¿que espera do próximo?

-A intención sempre é mellorar os resultados do anterior. Vai ser complicado e non soamente xa por gañar bandeiras, senón por concentrar o máximo número de rapaces posible en todas as categorías. Aos novos aínda hai que ensinarlles, e competir custará máis, pero pouco a pouco.

-O remo é un deporte moi sacrificado, ¿cal considera que é o maior beneficio que reporta?

-Realmente si que o é, pero ao final fas unha valoración de todo o traballo feito e ves a recompensa. Vale a pena e os propios rapaces o agradecen.

«Empeza a parecer que temos unha sede dun club de remo»

No mes de abril, o Club de Remo Náutico de Ribeira tivo que coller o seu material de traballo e marchar da súa antiga sede. Foron a parar a Aguiño e, por agora, parece que foi unha boa opción.

-Tiveron que mudarse, ¿que supuxo esa circunstancia?

-Foi un cambio positivo. Agora podemos concentrar os barcos nun mesmo lugar e temos unha zona de ximnasio. Queda por habilitar un espazo para vestiarios con duchas.

-Acondicionar o local supuxo moitas horas de traballo.

-Si, pero comparando co de antes e con outros equipos, empeza a parecer que temos unha sede dun club de remo. Ademais, estamos máis cerca do mar, temos a rampla para embarcar e é máis tranquilo, non molestamos a ninguén.

-O tema de ter que desprazarse, ¿provocou baixas?

-Estamos tratando de cadrar horarios tamén cos pais para arranxar iso. Que uns os leven e outros vaian a buscalos. Hai rapaces que veñen en bus e no verán algún chegaba en bicicleta. Non debería ser un problema.

-Mantiveron contactos co Concello para regresar ao casco urbano, ¿é unha opción viable?

-Nós temos un proxecto de club e de sede, co cal queremos concentrar todo nun mesmo lugar. Incluso cun aula de estudos para que os rapaces non teñan que andar dun lado para outro. Agora mesmo, creo que o ideal é continuar en Aguiño.