Palabras con memoria

RIBEIRA

matalobos

O articulista fala do descenso nas edicións de libros en galego

14 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

matalobos

Mentres a edición de libros en castelán, catalán e vasco aumenta, en galego cae máis dun 13 %, segundo publicou o Ministerio de Educación e Cultura. E falando con amigos escritores, todos me din o mesmo, que teñen o caixón ateigado de orixinais que as editoriais, por lóxica comercial máis ca por interese literario, non se molestan en editar. Á fin o negocio é o negocio e as almiñas da caridade sono mentres se poida asegurar un bo número de vendas. A realidade, segundo me comenta un editor, é que a edición en galego baixou a niveles de hai vinte anos.

O tema preocupa, porque como dicía a Pardo Bazán, o escrito permanece, e neste caso permanece preservando un idioma que cada día está perdendo máis lectores e falantes, porque certas modas, verdadeiras ditaduras do comercio, o puxeron como unha antigalla que nin serve como vintage. Hai uns días publicouse unha reportaxe sobre o crecemento da literatura nórdica grazas a unhas políticas de axuda e difusión para que os escritores produzan obras que son traducidas e promocionadas en todo o mundo ata converterse nunha moda que lle rende uns gorentosos beneficios ás arcas do estado. E iso que a poboación de fala norueguesa, islandesa ou sueca pouco máis é que a galega. E polo que leo e entendo, aló non hai mellores escritores ca en Galicia. Pero aínda lamentando esta eiva, francamente, máis co interese comercial das editoriais, preocúpame a perda do idioma, cada vez máis restrinxido, e con el a perda de palabras que levan en si toda a historia e razón de ser de cada cousa que nomean.

O que non sei é se o galego xa se considera en tal perigo de morte que debamos ir pensando en embalsamalo, como, polo que acabo de saber é o que pretende facer coas linguas minoritarias e moribundas a National Poetry Library, quen en colaboración coa BBC vén de facer un chamamento dentro do Día Nacional da Poesía para deixar constancia delas, tras facerse eco dunha estimación da Unesco segundo a cal a metade dos idiomas de hoxe en día non terán falantes para finais do presente século. Así pois comisionaron a varios poetas co encargo de buscar, escribir, recitar e gardar poemas daqueles usos idiomáticos dos que quedan moi poucos falantes, e aínda piden que se lles envíen poemas escritos ou lidos en calquera daqueles ós que poden chegar antes do seu fenecemento definitivo, seguros como están de que a perda dunha lingua é unha perda para toda a humanidade. De feito aseguran que xa se está perdendo unha lingua cada dúas semanas, e con cada unha delas pérdese unha maneira propia de contar, de dicir e de definir o mundo.

Precisamente, na próxima fin de semana asistiremos a un novo intento de recuperación e mantemento da lingua que a AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) vai celebrar en Lugo, e imos coa esperanza de escoitar acentos e propostas, definición de topónimos, alcumes, ferramentas ou sentimentos que forman parte da nosa memoria identitaria, que nos axuden a loitar contra esa morte anunciada do noso idioma e ata contra ese conformismo administrativo tan partidario da eutanasia idiomática, porque, como di o título destas xornadas: Palabras con memoria, as palabras non son simples definicións senón que levan en si a memoria e a historia das cousas nomeadas desde a lingua de quen as nomea.