O historiador de Palmeira

PASTOR RODRÍGUEZ

RIBEIRA

30 jun 2017 . Actualizado a las 11:30 h.

Licenciado en Historia, Xosé Álvarez Castrelo naceu en Palmeira en 1958. No ano 1985 publicou un rigoroso traballo de investigación co título Síntesis histórica de Palmeira, obra dividida en tres partes: a primeira está dedicada ao século XVII, a segunda ao século XVIII e a terceira á primeira metade do século XIX. Neste libro estuda a sociedade, a economía e a demografía de Palmeira, pero tamén a vida cotiá e o mundo espiritual desta parroquia de Ribeira; engade, ademais, a relación de homes ao servizo da Real Armada e a hidrotoponimia da freguesía. É autor tamén doutros traballos dedicados á súa vila natal, como O azoute de viruelas de 1876 (2010), O camiño de Insuela en Palmeira (2011) ou Palmeira no 1929 (1984). No 2011 apareceu outro volume monumental da súa autoría, Nacer, crecer, vivir e morrer en Palmeira (1500-2000), dedicado ao estudo xenealóxico das xentes da súa vila, dende o Renacemento ata o final do século XX. Ademais ten colaborado en revistas do Barbanza como O Imo ou A Caramecha, e tamén en volumes colectivos como Os vellos camiños do Barbanza (2011).