«Do centro eslovaco traeremos o uso das novas tecnoloxías na aula»

P. Bretal

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

A docente viaxará a Bratislava para participar nunha estadía formativa

13 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai sete anos que Diana Pastoriza Espasandín (Santa Comba, 1980) reside en Ribeira e ocupa o cargo de xefa de estudos da Escola de Idiomas nesta localidade. Ademais, dá clase de inglés nos niveis avanzados. Dende a súa chegada impulsáronse actividades como o grupos de lectura e de teatro, e o Proxecto de Escritura Creativa Intercentros, Palabras do man ao corazón. Nese afán por seguir mellorando viaxará, xunto a tres compañeiros da sección compostelá, á capital de Eslovaquia a un centro de características análogas.

-¿En que consistirá a estadía?

-Imos estar quince días na Jackizova Skôla de Bratislava, onde realizaremos actividades como a observación das aulas e charlas en mesas redondas. Debateremos temas como o sistema de avaliación, a xestión e organización de plans extra escolares ou a certificación de títulos.

-¿Inglés ou eslovaco?

-Aínda que estamos facendo un curso intensivo de eslovaco, alí utilizaremos maioritariamente a lingua inglesa.

-¿Que esperan traer de volta?

-Eliximos este centro por ser do mesmo perfil que o de Ribeira. Traeremos a súa metodoloxía e o uso das novas tecnoloxías. Haberá unha parte máis abstracta que pasará pola reflexión sobre o formato académico e cómo integraron as TIC nas clases. E outra máis concreta que será a petición de que se sumen ao noso proxecto de escritura creativa.

-Unha iniciativa internacional.  

-Si, nel intervimos 80 centros de países tan diversos como Estados Unidos, Australia ou Emiratos Árabes Unidos. Xa lle ofrecemos ao centro eslovaco que participasen, pero agora levarémoslle a documentación para expoñerlle os beneficios que aporta. Interésanos conseguir socios estables que se sumen a nós a longo prazo.

-Por outra banda, ¿introducirán máis idiomas en Ribeira ou crearán novos programas?

-Por agora só temos inglés, pero a xente ultimamente está a demandar máis linguas, como o alemán e o francés. O certo é que temos moitas ideas que levar a cabo, pero a veces faltan o tempo e os recursos humanos.