«Non temos que miralos con medo, temos que miralos como irmáns»

Antón parada

RIBEIRA

A docente ribeirense acaba de volver dos territorios ocupados no Sáhara Occidental

09 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha alumna acércase á súa profesora de galego para confesarlle que a palabra máis bonita que aprendeu dela foi a seguinte: revolución. No día a día prodúcense pequenas escenas que se fosen contabilizadas como grans de area chegarían a formar unha inmensa duna de esperanza. Esta é sen dúbida unha delas.

Marián González Dios (Carreira, 1970) estudou a carreira de Filoloxía Galega en base ao compromiso que mantén con esta terra, aínda cando só era unha especialidade dentro da de Hispánica. Hoxe imparte clase en secundaria nos colexios ribeirenses Bayón e na Milagrosa de Oleiros. O seu recuncho, a praia da Ladeira, simboliza a outra metade da súa vida. A loita pola independencia do Sáhara. Pola paz.

«Non se trata de que esta xeración sexa peor cas outras, a sociedade en xeral está durmida», tras 18 anos exercendo a profesión, esta lingüista busca chegar aos seus estudantes nun contexto no que a desidia sobre un futuro incerto invade as súas mentes. «O alumno ideal non é o que ten mellores notas, nós queremos que aprendan a ser libres, a ter criterio e que cando os enganen protesten», explicou González.

Tormenta de area

A ribeirense é un piar fundamental do colectivo de apoio ao pobo saharauí. A súa historia con esta poboación expulsada ata os campamentos de Tinduf en Alxeria, «onde non medran nin os escorpións», remóntase a finais da década dos noventa. A Seguridade Social anunciaba que o programa de Vacacións en Paz para acoller a rapaces refuxiados. E así foi como coñeceu a Luanat Jatri, un fillo para ela. E un dos motivos polo que acaba de realizar a súa quinta viaxe ao Magreb.

«É un xenocidio. Hai desaparicións constantes e sacar unha bandeira saharauí significa un pasaporte ao cárcere no mellor dos casos». Esta é a valoración que a cooperante forxou de toda a súa experiencia, renovada durante o mes que acaba de pasar nos territorios ocupados do Sáhara Occidental.

«Teñen moi presente que ese non é o seu país e están alí resistindo para volver ao fogar», afirmou Marián González dos mozos que acoden no período estival e cuxo número reduciuse progresivamente en concellos como o de Ribeira. Pero non por falta de presuposto, senón pola carencia de familias de acollida.

Ademais, os ánimos non están no seu mellor momento. As pasadas inundacións supuxeron unha perda de 20.000 euros en axuda humanitaria e deixaron duras imaxes como casas de adobe derreténdose como azucre mollado: «Se hai paciencia e dignidade en algún sitio é nos campamentos de refuxiados», afirmou aquela que identifica a raíz do problema nos cobizados recursos mineiros de fosfato, petróleo e gas natural que controlan empresas de nacións estranxeiras.

Non son espellismos

«Coa lei na man, España segue sendo unha potencia colonizadora», comentou con dureza sobre o incumprimento dunha sentencia do pasado mes do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en relación á prohibición da extracción destes bens. Tamén trasladou a preocupación do pobo saharauí pola visión europea do Estado Islámico, que temen que se xeneralice co mundo árabe.

Marián González garda sempre a ilusión nas despedidas dos que volven ao deserto. Para uns unha mentira piadosa, para outros un soño, pero: «O vindeiro ano vémonos no Sáhara Occidental».

Viaxes rumbo ao sur.

González visitara catro veces antes os campos de Tinduf e os territorios do Sáhara Occidental en chan marroquí. Do 2000 ao 2002 e en 2007.

Dureza dos requisitos.

É necesario sacar un visado colectivo para chegar aos campos alxerinos. O control policial e militar é constante.