San Alberto mantén a tradición

Álvaro Sevilla Gómez
ÁLVARO SEVILLA RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Unha muller recolle terra bendita dentro da capela de San Alberto
Unha muller recolle terra bendita dentro da capela de San Alberto

O bo tempo fixo que a festividade tivese mellor acollida que anos atrás

14 abr 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Juan e Víctor soben ao monte de San Alberto dende que eran rapaces. Agora que ambos están xubilados, a festividade é o momento perfecto para recordar os vellos tempos. «Cando eramos mozos isto estaba cheo de xente durante todo o día. Subíamos a primeira hora da mañá, comíamos cos amigos e pasábamos toda a tarde bailando coa orquestra», comentan entre eles.

Agora xa non hai orquestra, pero aínda queda a banda de música, que pasea arredor da capela entoando vellos himnos. A Víctor dóelle que os rapaces xa non suban ata San Alberto, «nós, nosos tempos, esperábamos a que chegase este día, antes divertiámonos moito mellor que agora». Ao que Juan responde: «Os tempos cambiaron e San Alberto non pode competir coa PlayStation».

A tradición da misa da tarde mantense, coa capela ateigada de xente. Comeza co cántico Subamos xuntos ao monte do señor, que coa calor vivida durante o día, semella unha palmada no lombo aos que subiron andando. Durante xeracións, o camiño ata o cumio de San Alberto era un constante formigueo de persoas que percorrían Ribeira dende a fonte de Padín. Segundo recorda Juan, «os rapaces víñamos a San Alberto, sentabamos coas rapazas, comíamos todos xuntos e falábamos durante todo o día. Era outra forma de ligar».

Tirar a tella

Unha das instantáneas que caracterizan a romaría de San Alberto é o lanzamento da tella. Na ventá que hai detrás da capela, os mozos que querían cambiar de parella, lanzaban un anaco de tella. Se quedaba no alféizar da ventá, o mozo, ou moza, estaba a un paso de cambiar de compañeira ou compañeiro. Agora os mozos prefiren Tinder e son os pais os que levan aos cativos a tirala, que entusiasmados coa liberdade de poder tirar pedras sen parar, lanzan unha tras outra.

Outra das imaxes famosas que caracteriza a festa é a poxa do galo. Antigamente os veciños da comarca levaban galos, galiñas, millo e incluso porcos. Valía calquera pertenza que puidera ser posta en poxa. Trala misa da tarde, facíase o concurso, onde o que se pagaba por cada peza destinábase en manter economicamente a festa e a capela.

Para Pedro, un rapaz que vende rosquillas nas romarías, o día saíulle a devolver, «terei que baixar en punto morto ata Ribeira. Non saquei nin para a gasolina da furgoneta». Ao igual que Juan e Víctor, para os tres, os de antes eran tempos mellores.