«Quero representar a aqueles que loitan agora polo galego»

RIBEIRA

O creador de Taragoña amosa no restaurante Curotiña unha colección sobre Valle-Inclán<span lang= es-es >. </span>
O creador de Taragoña amosa no restaurante Curotiña unha colección sobre Valle-Inclán. dani gestoso

Despois de moitos anos dedicados a reproducir a figura e as viñetas de Castelao, Che Tembra anuncia unha nova etapa

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva media vida rendéndolle unha homenaxe continuada a Castelao, reproducindo en metal a súa figura e as súas singulares viñetas, pero o artista de Taragoña Che Tembra quixo tamén lembrar a outro gran escritor estreitamente ligado a Barbanza, Valle-Inclán. Coincidindo coa apertura dunha exposición sobre este literato no restaurante Curotiña, o creador rianxeiro desvela as súas similitudes con el, pero tamén as diferenzas.

-Despois de tantos anos dándolle forma a Castelao, ¿por que esta nova aposta por Valle-Inclán?

-Eu tiña un par de obras sobre Valle e unha delas foi adquirida polo restaurante Curotiña. A partir de aí propuxéronme expoñer no local e decidín dedicarlle ao creador do esperpento a colección.

-¿Que destacaría deste autor?

-Interésame sobre todo pola súa forma de ser, un tipo medio estrafalario, coma min, que facía o que quería. A min gústanme máis os escritores en galego, pero bueno...

-¿E da súa obra?

-Da súa obra gústame sobre todo a forma irónica coa que trataba el moitos temas que estaban de actualidade.

-¿Canto tempo estivo traballando nesta exposición?

-Estiven uns tres meses. Traballei a partir de recortes de xornais e de libros, pero xoguei con eles como se fora un quebracabezas, unindo a cabeza de un co corpo de outro. Todas as pezas están feitas en ferro e aceiro inoxidable.

-¿Significa esta exposición unha nova liña na súa obra?

-Si, quero deixar un pouco de lado a Castelao e representar a aquelas persoas que loitan agora pola lingua. Tamén quero facer algo irónico sobre esa xente que lle fala castelán aos nenos. Un fenómeno en auxe.

-Vese que ten unha gran preocupación polo futuro do galego...

-Moita, moita. Levo o galego moi dentro. Aínda cando expuxen obras en Madrid, falei todo en galego e dixen, o que queira entender que entenda. Para min o idioma está por riba de todo.

-¿Pensa que nestes intres está en perigo o futuro do idioma?

-Claro que si. Hai moita xente que non se da conta de que os nenos aprenden o castelán coa televisión, desde pequenos, polo que somos nós os que temos que transmitirlles o galego.

-¿En que proxectos está mergullado actualmente?

-Estou preparando un par de exposicións para o Día das Letras Galegas. Unha delas amosarase no centro Lustres Rivas de Ribeira e outra, na finca de Goiáns, con motivo da romaría de Barbantia. A ver se son capaz de facer algo sobre os escritores de hoxe en día. Tamén estou con traballos para a conmemoración do día da República.

-¿Cantas obras ten nestes intres na súa colección particular?

-Teño unhas 150.

-¿E sería capaz de dicir cantas leva feitas?

-Non, non levo a conta. Fixen moitas e teño moitas empezadas. Ás veces deixo traballos a medias e sigo dous ou tres meses despois.

che tembra artista