A competición de «freestyle» en galego repartirá máis de mil euros en premios e incluirá concertos e un obradoiro infantil
28 sep 2026 . Actualizado a las 14:20 h.As inmediacións da praza de Castelao de Rianxo converteranse este sábado, a partir das 18.00 horas, no punto de encontro da cultura urbana e da tradición oral galega coa celebración do CeibaRimas 2026. A competición anual de referencia do «freestyle» improvisado en galego chega á súa sexta edición consolidada como a gran cita coa rima improvisada na comunidade, cunha programación deseñada para gozar dunha xornada completa arredor do rap e da música en galego.
A inscrición para participar no certame xa se atopa aberta de xeito gratuíto na web do CeibaRimas. As persoas participantes optarán a máis de 1.000 euros en premios e as súas intervencións serán valoradas por un xurado composto por MØU, High Paw, Saibran, Alba María e Txuki Camanho, cinco referentes de diferentes ámbitos da escena musical e cultural galega. O recinto contará con acceso libre para o público, servizo de barra, comida, carpa e aseos.
Como principal novidade desta sexta entrega, a programación incorporará ás 12.00 horas un obradoiro de rap improvisado para cativos de 6 a 12 anos impartido por High Paw. A iniciativa busca achegar a improvisación ás novas xeracións e contribuír a que a tradición oral continúe medrando a través de novas linguaxes e formas de expresión.
Ao longo da tarde, a oferta musical incluirá os concertos de Rebeliom do Inframundo e Txuki Camanho, xunto coas actuacións dos artistas emerxentes Noa Vigo, Baba Sall, Alddara, Skadi GZ, Basti e Ash Diz. Unha vez rematada a competición, a festa continuará a partir das 23.00 horas cunha sesión posterior amenizada polos picadiscos DJ Misa, Saibran DJ Set e Soundivan. Este proxecto multidisciplinar, nado no 2020 como un certame en formato «streaming» e que no 2025 coronou a Big Meu por terceira vez noutra final retransmitida por AGalega, conta co patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo e a Secretaría Xeral da Lingua.
A presentación da xornada contou coa presenza da deputada Sol Agra, os concelleiros de Rianxo Julio Alcalde e Ana Vidal, e o organizador, Román Castaño.