Alumnos do CEIP Castelao retratan Rianxo nun taboleiro de xogo xigante

Sara Pardo
sara pardo RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Alumnos do CEIP Castelao de Rianxo participaron no proxecto «A vila do mañá» da arquitecta Sandra González
Alumnos do CEIP Castelao de Rianxo participaron no proxecto «A vila do mañá» da arquitecta Sandra González CARMELA QUEIJEIRO

Hoxe será o turno dos estudantes do Brea Segade, que tamén participarán no proxecto «A vila do mañá»

18 jun 2026 . Actualizado a las 11:30 h.

O proxecto A vila do mañá regresou a Rianxo este mércores para que o alumnado do CEIP Castelao retratase a súa contorna. A arquitecta Sandra González, impulsora da proposta, pediulles que debuxaran os elementos que configuran a identidade local, «o 70 % dos debuxos foron da tenda de larpeiradas Picariños», comenta entre risas.

Tras este primeiro resultado, procedeuse á realización dunha tormenta de ideas, onde os estudantes xa identificaron elementos como «as xoubiñas de Rianxo», o casco de Leiro, as prazas da localidade, as figuras de Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, ou lugares con valor histórico como o Pazo do Martelo ou a igrexa de Santa Columba.

O resultado da actividade foi a creación dun taboleiro xigante de 3,5 por 3,5 metros pintado no chan, que funciona como un xogo da oca adaptado á realidade do concello. O taboleiro busca ensinar a historia e os símbolos de Rianxo, contando con casillas que fan referencia ao patrimonio e aspectos tradicionais, cun dado de gran dimensión para o movemento das pezas, que neste caso son os propios participantes.

Grafiti en man

A iniciativa foi recibida con gran entusiasmo polos estudantes, que participaron activamente na creación dos padróns e na configuración do taboleiro: «No momento que lle pos un espray de grafiti na man, é o máximo que poden facer, entón están emocionados».

Trala xornada no Castelao este mércores, hoxe tócalle a quenda ao alumnado do CEIP Brea Segade, que participará tamén na iniciativa A vila do mañá, guiados de novo por Sandra González.